Xunta e UDC reforzan a súa aposta para garantir o control de calidade dos produtos petrolíferos en Galicia

Ángel Bernardo Tahoces na visita ao Laboratorio de Combustibles
A Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña veñen de renovar, un ano máis, a súa colaboración encamiñada ao control de calidade dos produtos petrolíferos galegos, garantindo ao mesmo tempo a súa seguridade. Así o avanzaron hoxe o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e o reitor da UDC, Julio Abalde, no marco dunha visita ao Laboratorio de Combustibles – Labcom, situado no Centro de Investigacións Tecnolóxicas. Para acadar este obxectivo, o novo acordo suma un orzamento conxunto de máis de 300.000 euros que permitirá manter o control sobre os produtos petrolíferos á venda na Comunidade en beneficio de consumidores e usuarios. Neste sentido, realizaranse análises de gasolinas, gasóleos, fuelóleos, gases licuados do petróleo (butano e propano) e gas natural, dando continuidade ao traballo feito nos últimos anos.
“O número medio de análises anual ascende aos 800, o que nos permitiu, nos últimos catro anos, recoller mostras das arredor de 650 gasolineiras inscritas operativas en Galicia”, salientou Bernardo Tahoces, quen explicou, ademais, que os combustibles e carburantes á venda na Comunidade cumpren cos estándares europeos de calidade.
Estes análises se levarán a cabo no Labcom da Universidade da Coruña, que se configura como o único laboratorio en Galicia que conta coa acreditación ENAC para a realización de ensaios de produtos petrolíferos e, polo tanto, cos recursos materiais, técnicos e humanos e coa experiencia necesaria para facer fronte aos traballos marcados.
Neste sentido, a colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa UDC permitirá tamén potenciar a investigación sobre produtos petrolíferos, así como as actividades de formación de novo persoal investigador, a contratación de novos investigadores e a difusión dos resultados colleitados.
Deste xeito, o esforzo realizado pola UDC, en colaboración co Goberno galego, garante calidade dos combustibles e carburantes á venda en Galicia, ao tempo que se potencia o labor investigador do Laboratorio de Combustibles, formando profesionais coa necesaria cualificación técnica en materia de análise de combustibles.











