Xunta e Concello de Ourense inician a coordinación de itinerarios e paradas das liñas de autobús interurbano

Helena de Lucas na reunión con José Araujo
A Xunta e o Concello de Ourense iniciaron hoxe a coordinación dos itinerarios e paradas das liñas de autobús interurbano na cidade, co obxectivo de facilitar a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano nesta área. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, mantivo unha reunión de traballo co concelleiro de Transporte Público do Concello de Ourense, José Araujo, na que intercambiaron documentación de tráfico e demanda dos servizos de autobús.
Con esta información, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, na que se incscribe a Dirección Xeral de Mobilidade, elaborará a análise dos itinerarios interurbanos actuais e as propostas para a optimización dos percorridos e as paradas.
O obxectivo deste traballo é a optimización das rutas do autobús interurbano para minimizar a afección ao tráfico, eliminar transbordos, e reforzar o atractivo do transporte público para os cidadáns, impulsando ao mesmo tempo a posta en marcha nos vindeiros meses do Plan de Transporte Metropolitano.
O Executivo autonómico pretende fomentar un transporte público eficiente, que permita liberar espazo no centro da cidade, que reduza a contaminación e que fomente a desconxestión e a unha maior fluidez nos tráficos.
Os representantes de ambas administracións emprazáronse para unha nova xuntanza no vindeiro mes de marzo, co fin de estudar os novos contidos e avanzar na solución final.











