Vázquez Almuiña e Oscar Ortega visitan a unidade de oncoloxía radioterápica do Meixoeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
O conselleiro de Sanidade e Oscar Ortega na visita á unidade de radioterapia do Meixoeiro

O conselleiro de Sanidade e Oscar Ortega na visita á unidade de radioterapia do Meixoeiro

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o director xeral da Fundación Amancio Ortega, Oscar Ortega, visitaron hoxe a unidade de oncoloxía radioterápica do Meixoeiro, na que se instalou un novo acelerador lineal como parte do convenio de colaboración da FAO co Servizo Galego de Saúde para a adquisición de equipamento tecnolóxico de última xeración, por valor de 17 millóns de euros.

Trátase da tecnoloxía para o tratamento do cancro máis avanzada que existe actualmente no mundo. O acelerador Varian, modelo TrueBeam, foi instalado no búnker que se habilitou para ese efecto na Unidade de Oncoloxía Radioterápica, e, nos vindeiros días, iniciará o seu funcionamento.

A súa extraordinaria rapidez e precisión na administración das doses de radiación, xunto cos seus mecanismos de seguridade, así como os avanzados sistemas de imaxe e compoñentes robotizados dos que vai dotado, convérteno en todo un referente das tecnoloxías contra o cancro. Ao tratarse dun equipo de banda innovadora, vanse poder realizar todas as técnicas coñecidas ata agora para un acelerador lineal, e, ademais, vén preparado para incorporar procedementos de futuro que hoxe aínda están en fase de desenvolvemento.

Sesións de só 3 minutos

A combinación das súas principais cualidades, rapidez e precisión, vai permitir acurtar, notablemente, o número de sesións de tratamento, e, ao mesmo tempo, aumentar as doses dirixidas ao tumor, e polo tanto, a súa efectividade, preservando ao máximo os órganos e as zonas sas que os circundan. En determinadas patoloxías, os tratamentos vanse beneficiar dunha redución notable na súa duración, que pode ser ata dun 70% do seu tempo, pasando de sesións de 20 minutos a tan só 3 minutos, ou de tratamentos de 38 sesións a só seis nun cancro de próstata, por poñer un exemplo significativo. A redución do tempo das sesións tamén é un factor de seguridade, ao descender, na mesma proporción, as posibilidades de que o paciente se mova durante o tratamento.

Os novos aceleradores que incorpora o Sergas van dotados dunha tecnoloxía denominada rapidARC, pola cal o acelerador pode emitir radiación mentres o seu cabezal xira ao redor do paciente, adaptando, en cada momento, o feixe e a dose á posición do tumor; unha característica que contribúe, aínda máis se cabe, á efectividade, precisión, seguridade e rapidez dos tratamentos.

O acelerador leva incorporado un sistema de micromultiláminas, con láminas moi finas, de entre 2,5 mm e 5 mm, que lle facilitan o tratamento de tumores de todo tipo de formas e tamaños, ao adecuar, con suma precisión, o feixe de radiación ao perímetro e á morfoloxía do tumor. Con esta ferramenta, pódese realizar radiocirurxía, unha técnica que consiste en aplicar altas doses de radioterapia para eliminar tumores pequenos con absoluta precisión.

O Hospital do Meixoeiro vén realizando, dende hai anos, radiocirurxía para tratar tumores cerebrais, e co novo acelerador prevese aplicar esa técnica tamén a tumores situados no resto do corpo (SBRT).

Tratamentos máis individualizados e seguros

O sistema de imaxe con que conta o novo acelerador lineal permite ver, en todo momento, onde se atopa o tumor mentres o paciente recibe o tratamento e, consecuentemente, adaptar o envío de radiación a calquera movemento corporal. É o que se coñece como radioterapia guiada por imaxe ou IGRT.

Os aceleradores de banda innovadora como o de Vigo, comercialmente coñecidos como TrueBeam, incorporan, ademais, unha mesa robotizada que facilita a colocación do paciente en calquera posición de maneira automática, e conta cun sistema de infravermellos que alerta de calquera movemento imprevisto do paciente, chegando mesmo a interromper o tratamento de maneira automática.

Neste equipo, a perfección dos tratamentos garántese mediante un sistema de imaxe que facilita a revisión a radiación que se está a aplicar, e compara as doses calculadas coas que está a recibir realmente. En definitiva, permite valorar os tratamentos e adaptalos mentres estes se están a realizar.

Todas estas características van redundar nunha maior capacidade para afrontar a demanda, ao poder resolvela dun xeito máis rápido, e vaise poder avanzar na aplicación dunha radioterapia cada vez máis individualizada e, por tanto, máis eficaz.

Referencia nacional para tratar tumores cerebrais en nenos

A unidade de oncoloxía radioterápica do CHUVI recibe máis de dous mil pacientes novos cada ano, e leva cabo unha media de 200 tratamentos cada día, que supoñen ao redor de 40.000 sesións anuais de radioterapia. Desde a súa entrada en funcionamento hai 18 anos, dispón dun amplo equipo de profesionais capacitado para desenvolver as últimas técnicas da especialidade, como a aplicación de radioterapia de intensidade modulada (IMRT) en gran parte dos tratamentos.

A Unidade dispón dun sistema de radiocirurxía estereotáxica co que se realizan ao redor dun centenar de tratamentos cada ano, e dun radioquirófano para técnicas de braquiterapia de alta e baixa taxa, no que se tratan máis de 200 pacientes cada ano. Hai que lembrar, tamén, que esta unidade é referencia a nivel nacional no tratamento de tumores cerebrais en nenos, ao dispor de dispositivos especiais de inmobilización deseñados pola propia unidade.

29 de febreiro de 2016 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.