publicidade hoxe

Varela invita ao conselleiro de Sanidade a visitar o centro de saúde de San Roque

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, aproveitou onte a presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, no Hospital do Salnés, para invitalo a unha visita oficial ao Concello co obxecto de que coñeza o Centro de Saúde de San Roque e comprobe a necesidade que Vilagarcía ten de contar cun ambulatorio máis amplo e moderno co que poder atender debidamente aos case 38.000 habitantes da cidade. O titular de Sanidade acolleu con agrado a proposta polo que esta mesma mañá o Concello dou traslado oficial da invitación a efectos de que a Consellería fixe o día para a visita.

A creación dun novo centro de saúde en Vilagarcía é unha vella e demandada reivindicación tanto da sociedade como dos propios médicos e profesionais sanitarios que traballan no ambulatorio de San Roque. De feito, a propia Xunta de Persoal do Hospital do Salnés, lembroulle ao conselleiro durante a súa visita de onte aio centro hospitalario de Rubiáns, a necesidade do novo centro de Atención Primaria para Vilagarcía.

Durante a breve conversa que mantiveron durante a visita ás obras de ampliación do Hospital, o alcalde comentoulle a Vázquez Almunia o desexo do goberno local de que o máximo responsable da Sanidade en Galicia visitase en persoa o centro de Saúde para ter coñecemento en primeira persoa da situación. Varela Paz, tamén lle comentou a posibilidade de que, aproveitando esa visita oficial, o conselleiro vexa os terreos previstos para emprazar o novo centro de saúde na antiga Comandancia de Mariña tal como recolle o protocolo asinado en 2008 entre a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía.

17 de febreiro de 2016 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.