Uns 19.900 alumnos de Pontevedra e a súa área beneficiaranse este ano dos contratos-programa da Consellería de Educación
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe a sinatura dos contratos-programa que desenvolverán 88 centros educativos públicos de Pontevedra e a súa área neste curso 2015/2016, un acto no que sinalou estes plans de mellora como unha das políticas educativas da Xunta que permitiu baixar o abandono educativo temperá en Galicia case 9 puntos respecto de 2009. Neste sentido, o titular do departamento de ensino do Goberno galego salientou que o último dato trimestral dispoñible sitúa o abandono en Galicia nun 15,7%, moi preto xa do 15% obxectivo da Estratexia, Educación e Formación 2020 da Unión Europea. Ademais, a media do ano 2015 foi do 17%, case 9 puntos menos ca media do ano 2009.
O conselleiro explicou que a través dos contratos-programa e partindo da autonomía dos centros conseguiuse, ademais de visibilizar o esforzo da comunidade educativa en prol do éxito escolar, afondar na cultura da avaliación.
Neste sentido destacou que este curso un total de 69 centros galegos desenvolverán contratos-programa deseñados de forma específica en función dos resultados da proba de terceiro de Primaria realizada o mes de maio pasado. Todos eles contarán, ademais, cun profesor de apoio contratado a maiores para desenvolver este plan de mellora.
Román Rodríguez salientou, así mesmo, como obxectivos dos contratos-programa mellorar a adquisición de competencias clave, favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables e apoiar a evolución do alumnado con maior capacidade e motivación para aprender e, en xeral, mellorar a calidade educativa e loitar contra o abandono temperá.
Liñas de actuación
Un total de 88 centros públicos de Pontevedra e área –49 de primaria e 39 de secundaria– beneficiaranse desta iniciativa, que ten como obxectivos promover a excelencia educativa e loitar contra o abandono escolar. A iniciativa beneficiará este curso a case 19.900 alumnos desta zona, e contará coa implicación de máis de 1.460 docentes dos centros que nela participan nesta área.
A liña de actuación máis solicitada continúa a ser a número 1(antigo programa PROA), para o reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural. Un total de 71 centros docentes desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 41 docentes de apoio contratados a maiores pola Consellería para tal fin.
A liña número 2, a referida á mellora das competencias clave, é a segunda en número de participantes. Así, a liña 2a, competencia matemática, será de desenvolvida por 29 centros; mentres que a 2b, competencia en comunicación lingüística, contará con 25 centros participantes; pola súa parte, a 2c, deseñada para reforzar as competencias en ciencia e tecnoloxía, será desenvolvida por 11 centros.
No caso da terceira liña, que se centra na mellora da convivencia e incorpora este ano por primeira vez a promoción da igualdade, contará coa participación de 23 centros; na liña 4, dirixida á prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar, participarán 7 centros.
Nas liñas 5 e 6, dirixidas á mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e á mellora da calidade na xestión dos centros, participarán 18 e 7 centros educativos públicos, respectivamente.











