Uniminho canalizará as relacións dos concellos do Miño transfronteirizo con Gas Natural-Fenosa sobre o encoro de Frieira
A Uniminho, asociación formada pola Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho, canalizará as relacións dos concellos transfronteirizos de Pontevedra e Portugal coa empresa Gas Natural-Fenosa para os asuntos relacionados co encoro de Frieira. Preténdese asinar un acordo de colaboración polo que a eléctrica facilite datos directamente ao organismo galaico-portugués de xeito periódico e realice estudos sobre o ecosistema do Miño que se ve afectado pola súa actividade. A finalidade é abrir unha vía de comunicación directa para solucionar os problemas que se puideran presentar e que preocupan aos gobernos locais e outros colectivos do contorno.
Ata o de agora, a firma non tiña ningún tipo de contacto bilateral cos concellos de Crecente, Arbo, As Neves, Salvaterra, Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda pola parte española e Melgaço, Monçao, Valença, Vilanova de Cerveira e Caminha pola parte portuguesa: non se transmitían datos sobre cambios de caudal nen tampouco doutras incidencias propias da actuación do encoro no tránsito do río. A intermediación da Deputación de Pontevedra e da CIM Uniminho poderá axilizar, deste xeito, a resolución de dúbidas municipais e posibles contratempos grazas á existencia dunha ‘liña directa’ de contacto.
Cabe a posibilidade, así mesmo, de que grazas a este acordo a firma eléctrica afronte a realización de estudos sobre o ecosistema do río Miño no contorno da presa para así minimizar os potenciais riscos. As asociacións de pescadores, de feito, teñen solicitado en numerosas ocasións aos concellos e ás demais autoridades competentes na materia a elaboración de investigacións polas posibles ameazas aos medio.
Visita ao encoro
O principio de acordo para esta colaboración futura entre Uniminho e Gas Natural-Fenosa foi sentado nun encontro mantido entre o deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, e os alcaldes de Melgaço e Vilanova de Cerveira, Manuel Batista e Fernando Nogueira (como membros directivos da asociación europea de cooperación transfronteiriza Uniminho).
Esta reunión serviu para que os representantes galaico portugueses coñeceran in situ o encoro e os traballos de xestión para o mantemento das condicións ambientais esixidas por parte das administracións. Neste sentido, os directivos da sección hidroeléctrica da compañía explicaron que o réxime de funcionamento de Frieira e Frieira CE (caudal ecolóxico) cumpren os condicionantes ambientais que rexen as instalacións. Sinalaron, de feito, que non están autorizados a aliviar máis auga da que reciben e que a súa intención é manter unha convivencia cordial con todos os axentes do contorno.
O encoro de Frieira contaba ata fai uns anos cun ‘teleférico’ para que os salmóns e demais especies puideran remontar o río. Tamén se proxectou outro remonte que foi trocado pola Xunta de Galicia convertíndoo nun capturadeiro no que se chegan a recoller ata unha tonelada de anguías por cada temporada de pesca, así como exemplares de salmón, troita e rábalo, según os datos que manexa Gas Natural-Fenosa.
En vindeiras semanas representantes de Uniminho e da compañía manterán novos encontros para concretar e plasmar o acordo de colaboración.











