Un total de 54 entidades pontevedresas están adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama
O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar a coñecer os datos máis relevantes da provincia de Pontevedra en materia de xestión e tratamento de residuos urbanos. Fíxoo na sede da Delegación Territorial da Xunta de Galicia, onde estivo acompañado por José Manuel Cores Tourís.
Antes de entrar en materia, avanzou que os resultados alcanzados pola entidade pública durante o ano 2015, poderían cualificarse como máximos históricos de eficiencia industrial, toda vez que incrementou o tratamento de residuos no seu complexo cercedense (583.763 toneladas), superando incluso a capacidade nominal do mesmo, establecida en 550.000 toneladas, ao tempo que reduciu as cantidades desviadas ao vertedoiro de Areosa. En relación ao 2014, teríamos un 1,35% máis de refugallos procesados na planta e unha redución do vertido do 2,31%. Pero se se toma como referencia o 2008, estariamos a falar dun 27,7% máis de residuos tratados e un 55% menos de residuos vertidos.
Como consecuencia de todo isto, a empresa tamén incrementou a produción total de enerxía (516.819 MWh): un 4,40% máis que en 2014 e un 29,12% máis que en 2008.
En canto á bolsa amarela, e aínda que a recepción da mesma se mantivo estable nos dous últimos anos (ao redor de 21.400 toneladas), o certo é que foi moi superior ás cantidades rexistradas en 2008 (11.200), cun incremento do 90,57%.
Todos estes datos fixeron posible que, malia os investimentos previstos para os próximos anos, derivados fundamentalmente da ampliación de Sogama, o canon a cobrar aos concellos se manteña nos mesmos termos que no 2015, tal e como se recollía no Diario Oficial de Galicia publicado o pasado martes.
Menos residuos e máis reciclaxe
Tomando como referencia os datos da provincia de Pontevedra, respecto ao 2008, a recollida selectiva de bolsa amarela no 2015 (8.987,10 toneladas) incrementouse un 20,7%, mentres que a produción de bolsa negra (332.256,12 toneladas) reduciuse nun 10,37%.
No ámbito da compostaxe doméstica, explicou que un total de 54 entidades (27 concellos, e 27 centros escolares e colectivos sociais) están adscritas ao programa de Sogama, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, tendo procedido ao reparto de preto de 1.400 composteiros e permitindo con isto que moitos fogares conseguiran converter a materia orgánica nun abono natural con excelentes propiedades para o solo. Desta forma, os veciños participantes conseguen reducir o depósito de residuos nos contedores verdes convencionais, posibilitando que os concellos poidan diminuír a frecuencia de transporte e recollida e, por suposto, o importe da factura a pagar á empresa pública.
Para garantir o éxito deste programa, Sogama deseñou no seu momento un protocolo de actuación que contempla, non só a dotación de medios materiais, senón tamén didácticos e divulgativos, garantindo a formación dos participantes e o asesoramento externo aos concellos adscritos. Para a empresa pública, o obxectivo non é só elaborar abono, senón que este sexa de calidade e que cumpra con todos os requisitos recollidos na lexislación vixente para ser aplicado na agricultura con garantías e sen restricións.
Así mesmo, Domínguez Lino destacou a firma do convenio co concello de Pontevedra, a través do cal este comprometeuse a facer fronte á débeda contraída coa Sociedade, cifrada en máis de 5 millóns de euros. Un acordo que cualificou como satisfactorio para as partes, e que propiciou a suspensión das actuacións xudiciais en vigor, poñendo fin a anos de litixios.
Divulgación e sensibilización
En relación ás actuacións de divulgación e sensibilización, dicir que a provincia tivo tamén un papel protagonista. É o caso do programa“Recíclate con Sogama”, co que se persegue a implantación da recollida selectiva de residuos nos colexios e no que participan actualmente 14 centros escolares de primaria de distintos puntos de Galicia, concentrándose a metade (7) en distintos municipios da provincia.
Pola súa banda, dous centros escolares, un de Cuntis e outro de As Neves, foron seleccionados no seu momento para participar na Semana Europea da Prevención de Residuos 2015, dándolles a oportunidade de gozar do xogo xigante de Sogama “Un partido polo planeta”, co que tiveron ocasión de aprender e divertirse.
Domínguez destacou igualmente o programa de visitas ás instalacións da empresa pública, polo que pasaron en 2015 un total de 1.286 pontevedreses, un 96,64% máis que o ano anterior, e os cursos en liña promovidos pola entidade nos que tamén participaron profesores e portavoces de distintos concellos (alcaldes, concelleiros, técnicos, administrativos, etc.) e ata axentes da Garda Civil.











