publicidade hoxe

Turismo de Galicia acondicionará a área de recepción de visitantes dos Muíños de Folón e do Picón no Rosal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Rosal
A-
A+
Nava Castro na sinatura do convenio

Nava Castro na sinatura do convenio

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e o alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o acondicionamento da área de recepción de visitantes do ben de interese cultural Muíños de Folón e Picón.

Este complexo histórico, etnográfico e industrial, que é único en Europa, pódese visitar mediante unha ruta circular converténdose nun dos principais reclamos turísticos da zona do Baixo Miño.

Así mesmo, este recurso turístico conta cunha diversa oferta de actividades complementarias, porén, non dispón dunha área de recepción aos visitantes.

Grazas ao acordo asinado hoxe por Turismo de Galicia e o Concello do Rosal, desenvolveranse os servizos e acondicionamento necesarios para a recepción de visitantes.

O proxecto inclúe a creación dunha área de chegada, unha zona para aparcamento de turismos e autobuses, así como un punto limpo para que os visitantes deixen recollidos os seus residuos. Tamén se realizará un pequeno volume que acollerá os aseos para uso dos visitantes e acondicionarase unha zona para charlas ao aire libre e descanso.

Para iso, Turismo de Galicia realizará unha achega de 250.000 de euros a prol da mellora e do impulso deste recurso turístico.

Durante o acto da sinatura do convenio, a responsable de Turismo da Xunta afirmou que o obxecto do dito acordo de colaboración é enxalzar, divulgar e conservar este conxunto patrimonial así como potenciar a oferta turística da comarca. “Esta actuación contribuirá a fortalecer o sector turístico galego a través da posta en valor do noso patrimonio cultural e etnográfico”, sinalou.

A directora de Turismo de Galicia resaltou a importancia do desenvolvemento turístico baseado no aproveitamento, de maneira eficiente e sustentable, dos recursos endóxenos da nosa comunidade. “Ademais de potenciar este conxunto patrimonial, enriquecemos a oferta turística da comarca do Baixo Miño mediante o impulso do uso do conxunto como un espazo natural no que se poderán desenvolver actividades relacionadas co ocio e co turismo”, sinalou.

Así mesmo, Nava Castro destacou que este convenio constitúe unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia pola coordinación interadministrativa para lograr unha xestión máis eficaz e un sector turístico competitivo e de calidade.

Incremento da demanda turística

Esta intervención axudará a continuar coa senda de crecemento que se está a producir nos viaxeiros e nas pernoitas dos establecementos hoteleiros da ría de Vigo e Baixo Miño.

No 2015 este xeodestino rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, do 12,68% en relación ao ano 2015, acadando os 505.636.

Esta mellora trasladouse tamén as pernoitas que se situaron en 992.254, o que supuxo un incremento do 10,40%.

Así mesmo, este aumento da demanda traduciuse nun aumento da ocupación de 3,56 puntos porcentuais.

22 de febreiro de 2016 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.