Rueda desvincula os recortes das denuncias sobre a atención en abortos euxenésicos e chama a “cumprir a lei”
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, negou este venres que as denuncias sobre falta de atención en abortos euxenésicos teñan que “ver con ningún suposto recorte” en sanidade e, así, recordou que as mulleres teñen “dereito” a interromper o seu embarazo no marco que establece a lei e que o sistema público ten a “obriga” de atendelas.
Preguntado polos xornalistas a respecto desas denuncias antes de inaugurar unha xornada, o vicepresidente galego reivindicou o “esforzo” da Xunta por “manter o elevadísimo nivel sanitario” da Comunidade. “Creo que foi patente estes anos, e o segue sendo agora, e a partir de agora terá que verse ese esforzo aínda máis”, incidiu, para negar que unha eventual falta de atención garde relación cos recortes.
Tamén rexeitou calquera vínculo entre estas denuncias e o dereito á obxección de conciencia por parte dalgún xinecólogo, pois a lei “é clara” ao sinalar que as mulleres teñen “dereito” a abortar se así o “desexan” e que “a sanidade pública galega ten a obriga” de atendelas nese momento.
Cuestionado entón sobre os testemuños de mulleres que aseguraron que se lles recomendara acudir a Madrid para practicarlles o aborto, Alfonso Rueda afirmou que descoñece “se se lles dixo iso realmente ou en que circunstancias foi”, pero sostivo que se “en realidade” aconteceu así “non sería adecuado”. “Se foi así, haberá que velo, pero nada fai presupoñer que iso sexa así”, indicou.
A xeito de conclusión, abundou en que a “obriga” da sanidade pública galega é “cumprir o que establece a lei”. “Iso temos que facer”, sentenciou, un día despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurase que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) abrirá unha investigación para aclarar o sucedido.











