Rosalía de Castro xa preside o edificio da Deputación da Coruña
“Unha escritora que rompeu os marcos, que se comprometeu coas mulleres, coas persoas desfavorecidas, coa lingua e coas causas xustas”. Así definiu a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, a escritora Rosalía de Castro no acto central de conmemoración do seu nacemento, unha xornada en que se disponibilizaron catro imaxes creadas por catro ilustradoras que locen na sede da institución.
Como nas grandes ocasións, a sede da Deputación da Coruña lucía hoxe unhas faixas ao longo de todo o edificio coas imaxes de Rosalía creadas polas ilustradoras Paula Mayor, Aurora Cascudo, Dara Deer e Uqui Permui. As imaxes forman parte da campaña “Libera Rosalía” con que a área de Cultura da Deputación da Coruña se sumou á conmemoración do aniversario do nacemento da escritora. As ilustracións foron creadas para que circulen con liberdade, excepto para usos comerciais, contribuíndo a converter a escritora na grande icona da nosa cultura.
As ilustracións de Rosalía foron tamén o escenario do acto central da área de Cultura da Deputación que se desenvolveu na mañá deste día 24 na Biblioteca Provincial da Coruña. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín participou na multitudinaria lectura colectiva de poemas da escritora nun acto que deixou pequena a sala da Biblioteca. “Rosalía permite múltiplas lecturas, como as imaxes diversas das catro ilustradoras que se fan públicas nesta xornada. Deixounos unha obra impresionante con discursos que son contemporáneos, cun claro compromiso coa lingua galega, cos dereitos de quen sofre e, de maneira especial, coas mulleres”, apuntou Goretti Sanmartín na súa intervención nun acto en que varias persoas prestaron a súa voz aos poemas de Rosalía.
A Deputación da Coruña conmemorou con este acto central unha data que, segundo destacou Goretti Sanmartín, “ten que ficar para sempre marcada nos calendarios e ten que ser obxecto de conmemoración en concellos, centros e entidades”. De feito, a Deputación da Coruña dirixiuse a todos os concellos da provincia para convidalos a participar desta festa que cobra maior forza cada ano.
Goretti Sanmartín parabenizou tamén a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG) por ter sido unha entidade pioneira á hora de “expandir” a conmemoración e o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias celebrou no acto tamén que cada ano sexan máis os concellos, centros de ensino e institucións que promovan actos especiais para a data. Ademais de ler o manifesto da AELG elaborado polo escritor Suso de Toro, Cesáreo Sánchez recoñeceu o traballo desenvolvido pola Deputación por incluír a conmemoración no seu calendario e por festexar a data desde o propio edificio institucional. O acto, no que tamén participou tamén a directora da Biblioteca, Loly Liaño, rematou coa interpretación por parte de Raúl Galego da Alborada de Rosalía, do Gaiteiro de Soutelo.











