Román Rodríguez acompaña ao alumnado do CIFP Carlos Oroza na estrea dos novos espazos de cociña

Román Rodríguez na visita ao CIFP Carlos Oroza
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe as obras de ampliación realizadas no CIFP Carlos Oroza, que consistiron na construción dun novo volume de case 1.700 metros cadrados, composto por un baixo e outras dúas plantas. En concreto, na planta baixa instalouse a cociña demostración, o economato e un almacén con cámaras de frío. Na primeira construíuse unha aula-taller de cociña.
Precisamente, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia acompañou ao alumnado do centro na estrea destes novos espazos de cociña, que hoxe mesmo se puxeron a disposición dos mozos e mozas, totalmente equipados. Nesta primeira fase das obras, a Consellería investiu máis de 1,2 millóns de euros. Na segunda fase acondicionarase a segunda planta con talleres de panadaría e pastelaría e confitaría-chocolataría.
Con estas novas instalacións, o departamento educativo autonómico volve a mostrar o seu compromiso coas ensinanzas de Formación Profesional, neste caso coas familias profesionais de Hostalaría e Turismo e Industrias Alimentarias e, en concreto, cun centro de referencia como o CIFP Carlos Oroza, que forma parte da Rede Galega de Formación Profesional de Hostalaría.
Pioneiro na FP Dual
Neste contexto, durante o ano pasado investíronse preto de 150.000 euros en novo equipamento de FP. A maior parte deste orzamento –case 130.000 euros– destinouse a dotación de material para o ciclo de grao superior de Dirección de cociña.
Ademais, trátase dun centro pioneiro á hora de desenvolver proxectos de FP Dual, nos que se compatibiliza a formación no centro coa formación en espazos de traballo reais, o que favorece a empregabilidade dos mozos e mozas e, ao mesmo tempo, os prepara para o futuro mercado laboral. Actualmente conta con tres ciclos nesta modalidade, o de Dirección de cociña, Dirección de servizos de restauración e Xestión de aloxamentos turísticos, nos que están matriculados un total de 44 alumnos e alumnas.
Aposta pola innovación
Por outra banda, o conselleiro tamén salientou a aposta deste CIFP pola innovación educativa, que se exemplifica no desenvolvemento de varios proxectos premiados pola propia Consellería. Ao abeiro da convocatoria de 2015, o alumnado do centro puxo en marcha unha iniciativa para investigar novos usos culinarios da lapa, así como outro proxecto orientado a obter fibras vexetais para ser utilizadas como ingrediente alimentario.
Así mesmo, na convocatoria de 2016 –que se resolverá en breve– presentaron outras dúas iniciativas co fin de seguir poñendo en valor a FP e a súa utilidade de cara o mundo empresarial que, en moitos casos, bebe dos estudos emanados desde os centros. Neste sentido, Román Rodríguez lembrou a importancia da transferencia de coñecemento entre centros e empresa, e viceversa, co obxectivo de mellorar a inserción laboral dos nosos mozos e mozas, así como o tecido produtivo do noso país.











