Rey Varela visita en Vigo as instalacións da Fundación Juan Soñador

Rey Valrela na visita ás instalacións da fundación
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiu esta mañá á inauguración das novas instalacións en Vigo da Fundación Juan Soñador, que ten como finalidade facer realidade o dereito das persoas máis necesitadas a unha vida máis digna, centrando a súa actividade nos menores, familias e inmigrantes en situación de risco ou exclusión social. No acto de inauguración tamén estivo presente o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente e o presidente da entidade, José María Blanco Alonso.
O titular da carteira autonómica destacou a gran labor da fundación no ámbito social, resaltando os programas que realiza en Galicia para contribuír ao benestar das persoas que máis o precisan.
Proxecto Teranga
Unha das accións que se desenvolven no centro da Fundación na cidade olívica, é o proxecto Teranga, que favorece a plena inserción sociolaboral das persoas migrantes para aumentar a súa calidade de vida, atendéndoas de forma integral e velando pola efectividade dos seus dereitos e deberes, fomentando o traballo en rede con outras entidades e potenciando a interculturalidade como modelo de cidadanía. Este proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social, quen achega preto de 145.000 euros. No marco do Teranga, a Fundación Juan Soñador imparte cursos de castelán, galego, de igualdade de xénero ou de informática. “Trátase de actividades que favorecen a integración das persoas migrantes que buscan a inclusión na nosa sociedade, a través da mellora das súas competencias lingüísticas e laborais”, declarou Rey Varela.
Familia, infancia e dinamización demográfica
O conselleiro de Política Social tamén fixo fincapé no compromiso da Xunta de Galicia con “acadar a igualdade de oportunidades e favorecer a inclusión social dos menores que están nunha situación de vulnerabilidade”.
Froito dese compromiso, José Manuel Rey Varela, asinou no pasado mes de novembro un convenio para contribuír ao financiamento de diferentes programas de actuación que leva a cabo esta entidade e que están dirixidos a favorecer o desenvolvemento persoal e social, o apoio escolar, a atención familiar e a dinamización do tempo libre de menores en risco de exclusión social. A achega da Consellería á Fundación JuanSoñador para este fin, ascende a 60.000 euros, sendo o presuposto total do convenio de 101.036,77 euros –a cantidade que resta corre a cargo da propia fundación-. As actividades e programas da entidade teñen como beneficiarios menores de 6 a 18 anos e as súas familias, preferentemente adolescentes con fracaso e/ou abandono escolar; e veñen derivados desde os servizos sociais comunitarios, equipos técnicos do menor, entidades sociais ou equipos de orientación dos centros escolares.











