Rey Varela amosa o seu compromiso pola integración das persoas con diversidade funcional en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Rey Varela na visita ao centro

Rey Varela na visita ao centro

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou esta mañá o Centro de Educación Especial Príncipe Felipe (Pontevedra) onde o persoal do programa ‘Quérote’ está a impartir un obradoiro de sexualidade e afectividade a un grupo de 25 mozos e mozas con diversidade funcional. O responsable da área social salientou o compromiso da Xunta de Galicia coa plena integración e inserción deste colectivo na sociedade e apuntou cara a importancia dunha “educación afectivo sexual plural e obxectiva que lles permita a vivencia da súa sexualidade de xeito responsable e autónomo”.

Esta iniciativa coincide coa programación de actividades participativas para a mocidade que a Consellería de Política Social desenvolve con motivo do Día Europeo da Saúde Sexual nas principais cidades galegas e nas súas redes sociais dende o 12 ata o 19 de febreiro co obxectivo de sensibilizar á poboación da importancia de informarse e reflexionar sobre certos aspectos a ter en conta para unha vivencia saudable da sexualidade.

O conselleiro de Política Social dixo nas súas verbas que “a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado aposta pola posta en marcha de programas formativos nos que os mozos e as mozas poden acceder a unha formación sobre esta temática por parte dun equipo profesional especializado”. Nesta liña cifrou os obradoiros realizados ao longo do pasado ano 2015 en 19 sesións e 241 persoas beneficiadas e un total de 132 obradoiros e 1.634 persoas beneficiadas se se teñen en conta os datos desde 2012.

Atención personalizada

Nestes obradoiros ábreselle aos mozos a oportunidade de poder acceder a un servizo de consulta personalizado (presencial, telefónico, en liña ou a través de whatsapp) que garante un asesoramento profesionalizado, para que poidan resolver a nivel persoal as dúbidas que lle poidan xurdir neste ámbito da súa vida. O programa frecuentemente acompáñase dunha formación para as familias e os equipos profesionais para que poida seguir desenvolvéndose o traballo nas propias casas e nos propios centros nos que no día a día conviven os mozos e as mozas.

Os contidos que se abordan nestes obradoiros agrúpanse en torno a tres grandes bloques: ‘Coñecendo o corpo’, ‘Sentimentos e expectativas relacionais’ e ‘Comportamento afectivo-sexual’.

17 de febreiro de 2016 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.