Record de asistencia nun partido do Santiago Futsal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Como se adoita dicir, ‘unha imaxe vale máis que mil palabras’, e esa frase vén perfecta para definir o ambiente que se vivíu no Fontes do Sar na tarde do sábado. Miles de seguidores do fútbol sala déronse cita no pavillón da capital galega para vibrar co equipo da entrega e o sacrificio, dous valores recoñecidos polos aproximadamente 4500 asistentes que encheron o Multiusos.

Desde todos os recunchos de Galicia chegaron amantes do fútbol sala para lograr a que ata o momento é a mellor entrada a un partido do Santiago Futsal en toda a súa traxectoria nos seus 13 anos Primeira División. O Fontes do Sar non rexistraba unha entrada así en partido de fútbol sala desde a Final de Copa de España do ano 2010 na que o, por aquel entón, Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago mediuse a El Pozo Murcia nun partido que se decantou para o lado murciano por 3-2.

Ademais, a iniciativa que o club santiagués promove coa invitación e colaboración cos clubs de fútbol sala de toda Galicia aos encontros do primeiro equipo, é xa todo un éxito. No partido do sábado puideronse ver as bancadas lucindo gran diversidade de cores de equipamentos e chandals dos máis de 20 equipos que asistiron ao encontro por medio da colaboración co Santiago Futsal.

Pero o mérito do club santiagués é aínda maior se se ten en conta que ao mesmo que tempo que se disputaba o encontro Santiago Futsal vs FC Barcelona Lassa, na  cidade veciña da Coruña celebrábase o evento de maior reclamo do baloncesto español, a Copa de SM O Rei.

Con todo, detrás deste partido, que pasará á historia do club celeste, hai moito traballo. Todos os traballadores e colaboradores do club participaron na organización do encontro e axudaron a que todo saíse ben e que os asistentes puidesen gozar do mellor ambiente de fútbol sala.

22 de febreiro de 2016 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.