publicidade hoxe

Rechaz dos grupos políticos de Arzúa á implantación dunha nova liña eléctrica en Dombodán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

A Xunta de Portavoces celebrada no Concello de Arzúa o pasado sábado, 30 de xaneiro, acordou por unanimidade manifestar o seu apoio rotundo aos veciños e veciñas da parroquia de Dombodán que, tal e como se fixo público en días pasados, emprenderon unha serie de accións para evitar que unha nova liña de media tensión, que ten solicitada Unión Fenosa, causa males maiores a unha poboación que na actualidade xa ten que soportar os graves prexuízos que lle causan as oito liñas de alta e media tensión que atravesan a parroquia dun extremo ao outro.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, xa se pronunciou días atrás respecto a este asunto e deu a coñecer as alegacións que o goberno municipal presentou ante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria para tratar de conseguir que non se declare a utilidade pública da instalación eléctrica; as razóns esgrimidas dende o ente local coinciden cos argumentos expostos polos veciños de Dombodán que, a través da Asociación Veciñal Nosa Señora do Viso, tamén alertaron á Consellería das graves consecuencias que para eles tería a implantación dunha nova liña.
Agora é a Xunta de Portavoces do Concello de Arzúa a que públicamente quere manifestar o seu apoio absoluto ás pretensións dos veciños, convencidos de que a construción dunha nova liña terá repercusións moi negativas nunha zona especialmente castigada por este tipo de infraestructuras.

A Xunta de Portavoces coincide na idea de que é necesaria unha loita conxunta para evitar a implantación desta nova liña que repercutiría negativamente na economía da zona, afectando á gandeiría e a agricultura, dous piares básicos das economías familiares, así como tamén tería repercusións noutro sector clave, o do turismo rural, sen esquecerse das consecuencias que se poderían derivar para a saúde das persoas que viven na zona.

A Xunta de Portavoces quixo salientar ademais unha cuestión que lles parece de especial importancia: a dificultade que supón entender que se pretenda declarar a utilidade pública dunha liña eléctrica que só beneficia a unha empresa privada (EXGA) causando graves prexuizos ás ducias de veciños que teñen as súas explotacións agrícolas e gandeiras nunha zona en pleno proceso de concentración parcelaria, onde as bases definitivas xa están aprobadas e firmadas, co proxecto exposto e en fase de resolución das alegacións ao mesmo. Habería que medir ónde está a verdadeira utilidade pública e o interese social, en dar servizo a unha empresa privada ou en favorecer o avance dun proceso de concentración parcelaria que afecta a moitos veciños e que, de implantarse a nova liña, se vería gravemente alterado, véndose na obriga de replantexalo de novo.

Os voceiros dos grupos políticos que a día de hoxe forman parte da corporación municipal están convencidos de que se trata dun mal que se pode evitar e propoñen como solución as medidas que tanto os veciños como o propio alcalde xa indicaron en días pasados: recuperar as liñas que están en desuso ou reforzar as que xa existen.

Dende o Concello de Arzúa agardan unha resposta sensata por parte da Consellería de Economía e Industria, na que se teña en conta todos os argumentos expostos e se tome conciencia da problemática que esta nova infraestructura pode acarrear a uns veciños saturados de campos electromagnéticos.

3 de febreiro de 2016 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.