Realízase con éxito a reorganización do tráfico viario na contorna do CEIP A Maía e do IES de Ames
Esta mañá desenvolveuse con éxito a segunda proba para reorganizar o tráfico viario e mellorar a seguridade peonil no CEIP da Maía e no IES de Ames, ambos os centros situados na localidade de Bertamiráns. Deste xeito, desenvolvéronse unha serie de accións puntuais como foron habilitar unha beirarrúa na dársena de autobuses e establecer unha fila única de autobuses en vez das dúas que existen actualmente. A principal diferencia respecto á primeira proba, que se realizou no pasado mes de novembro, foi que agora todos os alumnos/as do CEIP A Maía entraron ao colexio pola porta principal do centro. Esta iniciativa foi posta en marcha entre os departamentos de Educación, Urbanismo e a Policía Local de Ames.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, achegáronse esta mañá ata a contorna do CEIP da Maía e do IES de Ames para ver de primeira man como se desenvolvía a proba de reorganización e mellora da seguridade peonil nesta zona. Os concelleiros do goberno municipal estiveron acompañados de técnicos da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “a fórmula que se puxo en marcha, a través desta segunda proba, é a máis axeitada para primar a seguridade dos rapaces e rapazas”. A través desta proba desenvolvéronse unha serie de accións puntuais como foron habilitar unha beirarrúa na dársena de autobuses e establecer unha fila única de autobuses, en vez das dúas que existen actualmente. Asemade, habilitouse unha beirarrúa provisional na actual dársena para o paso dos alumnos/as do instituto, que ata o de agora accedían polo medio dos autobuses.
A principal diferencia respecto á primeira proba, que se realizou no pasado mes de novembro, foi que agora todos os alumnos/as do CEIP A Maía entraron ao colexio pola porta principal do centro. Santomil incidiu en que “esta é a mellor opción para a entrada e saída do alumnado do CEIP A Maía”.
O concelleiro de Educación e Cultura agradeceu “a colaboración de todas as partes implicadas nesta proba como son as ANPAS, as directoras dos centros escolares, a empresa de autobuses encargada do servizo de transporte escolar, a Policía Local, a patrulla escolar e aos técnicos da consellería de Infraestruturas, que hoxe asistiron a esta proba temporal de reorganización do tráfico e mellora da seguridade peonil nesta zona Ademais, hai que agradecerlle aos pais e nais a súa responsabilidade e comprensión para poder realizar esta proba”.
Ampliación das beirarrúas
O obxectivo do goberno municipal é primar a seguridade do alumnado e despois reorganizar a dársena de autobuses do transporte escolar. Con esta finalidade preténdese ampliar as beirarrúas da devandita dársena de autobuses. Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, “os técnicos da Consellería de Infraestruturas que asistiron a esta proba manifestaron que ven factible a proposta de ampliar as beirarrúas da dársena para mellorar a seguridade peonil do alumnado destes centros”.
Para ampliar as beirarrúas preténdese reducir a mediana que está pintada no medio da AC-544, e deste xeito, gañar espazo para poder darlle maior amplitude as devanditas beirarrúas. Para iso hai que facer un repintado de toda a dársena e da AC-544. Isto xa estará incluído dentro do plan que presentou a semana pasada en Bertamiráns a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para mellorar o firme dun tramo de 1.100 metros da estrada AC-544 que une Bertamiráns e Negreira.
Outras medidas a adoptar
Durante a xornada de hoxe o Concello habilitou a explanada do pavillón polideportivo de Bertamiráns, que está situado a 200 metros destes centros escolares e conectada a través dunha beirarrúa, para que todas as familias puidesen aparcar o seus vehículos neste lugar.
Outras medidas que está estudando realizar o goberno municipal é habilitar varias prazas de estacionamento, para persoas con mobilidade reducida, preto do paso de peóns situado diante da entrada do CEIP A Maía. Habilitaranse tamén zonas de parada rápida para os vehículos que só realicen paradas dun máximo de 10 minutos. Ademais, reorganizarase o horario do vehículo de transporte de comida da Rede Municipal de Comedores Escolares, para que non coincida co horario de entrada e saída dos autobuses de transporte escolar.











