Raquel Arias pugnará con Elena Candia por relevar a Barreiro á fronte do PP provincial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press
Raquel Arias

Raquel Arias

A delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, oficializou este luns a súa candidatura a presidir o PP lucense, cun proxecto que se basea “nunha renovación que pide a sociedade á clase política” e que sinalou que “non é continuista, pero si aglutinador”.

Unha vez que José Manuel Barreiro, voceiro do PP no Senado, anunciou a pasada semana que non optaría á reelección, Raquel Arias pugnará pola Presidencia do PP de Lugo coa voceiro do grupo provincial e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, con quen xa rivalizou pola candidatura para presidir a Deputación de Lugo.

Arias avanzou que xa conta cos 75 avais que se precisan e que se han de presentar o próximo venres 12 de febreiro para concorrer ao congreso do 6 de marzo. Sobre o seu proxecto, apelou á “renovación” e sinalou que “non é continuista, pero si aglutinador, onde se poden ver representados todos os afiliados”, 12.000 en Lugo.

“Entendemos a renovación como a apertura a novas ideas, aberta ás distintas sensibilidades que conviven, como acontece na sociedade e tamén no seo do noso partido, pero sobre todo como unha oportunidade para concibir a nosa organización como un organismo vivo e atento ao que pasa ao seu arredor. Un organismo dinámico e flexible”, dixo para definir as súas propostas.

Na súa opinión, “as cousas pódense facer doutro xeito” e é preciso por parte de “todos” facer unha reflexión. “Sen renunciar en absoluto ao noso pasado e porque todos sentimos o PP, temos claro que non soubemos estar á altura do que a cidadanía demandaba”, agregou.

EQUIPO

Raquel Arias non quixo desvelar quen a acompañará na candidatura, aínda que si deixou caer antes da súa comparecencia en rolda de prensa que irá con ela o alcalde de Cervo e vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfonso Villares.

Non obstante, dixo que este proxecto “está integrado por afiliados de base, responsables institucionais e políticos e representantes de todos os concellos da provincia”. “É un proxecto integrador”, insistiu.

Así, Raquel Arias puntualizou que vai este proceso “como un debate entre compañeiros, nunca entre adversarios”. “Por iso estamos convencidos de que a existencia de varias candidaturas, ogallá haxa algunha máis, redunda en beneficio do noso partido”, afirmou.

FALTA DE TEMPO

Tamén explicou que presentou este luns a súa candidatura porque o día 4 José Manuel Barreiro comunicou a súa decisión de non optar á reelección “e foi a partir dese momento cando empezou a contar o tempo”.

“A nós gustaríanos contar con máis tempo para que as bases deste partido, aos que todos nos debemos, tivesen tempo abondo para coñecer as diferentes propostas e favorecer máis o debate e reflexión interna que agora toca facer”, lamentou. O seu contrincante na pugna pola Presidencia do PP de Lugo presentou a súa candidatura o pasado venres, día 5.

Finalmente, deixou caer que vería con bos ollos abrir o partido a iniciativas como as primarias. “Coa fórmula que se estime oportuna, a militancia ten que estar moi presente nas decisións do partido e na vida diaria do partido, porque se non non seremos capaces de representar realmente o que as bases están a pedir, que son os que están máis preto da sociedade”, respondeu.

8 de febreiro de 2016 | 10:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.