Protestan ante a Cámara para esixir condicións dignas de traballo no transporte de Sogama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Protesta polas condicións de transporte de Sogama

Protesta polas condicións de transporte de Sogama

Unha vintena de persoas deuse cita este mércores ante o Parlamento de Galicia para esixir condicións de traballo “dignas” no transporte por estrada dos residuos de Sogama ante o cambio na empresa concesionaria.

En concreto, como explicou o enlace sindical da CIG en Transportes Pellejero, Manuel Regueiro, a nova adxudicataria non ten “ningunha responsabilidade” cos 69 traballadores afectados.

“Fomos traizoados por Sogama e pola Xunta, que non nos tivo en conta no cambio de concesión e nos deixou a todos na rúa”, censurou, ao tempo que criticou que o persoal que sexa recolocado sufrirá “minguas salariais de en torno a un 40 ou 50 por cento”.

E é que, como explicou o sindicalista da CIG, a nova empresa adxudicataria do servizo négase” a ter en conta a súa antigüidade e a aboar “outros conceptos salariais” que os traballadores recibían en Transportes Pellejero e Hijos.

“Se esta é a política económica de Feijóo, isto o único que crea é miseria, fame e necesidade”, reprobou Regueiro, para advertir de que os empregados non poden subsistir con estes “salarios precarios”.

“POUCAS POSIBILIDADES”

Finalmente, preguntado sobre a unanimidade da Cámara para pedir á Xunta que abra unha mesa de diálogo con estes traballadores e que medie para pedir a copasa que manteña as condicións laborais dos empregados subrogados, expresou desconfianza ao respecto.

“Temos pendente reunirnos con representantes de Sogama e de copasa, pero vemos poucas posibilidades de chegar a un acordo”, admitiu Manuel Regueiro.

24 de febreiro de 2016 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.