Profesorado de formación profesional de Lituania interésase polo traballo de COGAMI
O Centro Rexional de Educación de Formación Profesional de Utena, en Lituania, é unha institución de ensino público en Lituania, con 32 anos de experiencia, que ofrece formación profesional básica e educación secundaria, dotando ao seu alumnado de coñecementos especializados dirixidos cara ao mercado laboral. Conta con preto de 600 estudantes matriculados en 13 programas distintos de formación profesional, con materias relacionadas coa preparación de alimentos, servicios de hostalería, construción, procesamento de madeira, automoción, etc.
Este centro de Utena contactou con COGAMI interesados por coñecer polo miúdo como realizamos o traballo, como desenvolvemos programas que facilitan a inclusión das persoas con discapacidade, que metodoloxías empregamos e como somos capaces de captar ás nosas persoas usuarias. Co fin de compartir estas experiencias, dende COGAMI programamos unha visita dunha semana a varios centros de recursos, instalacións e centros especiais de emprego.
Unha destas visitas é que se vai desenvolver o xoves 4 de febreiro de 8.30 a 14 horas nas instalacións que COGAMI ten en Fingoi, en Lugo. Tres persoas do centro lituano, acompañados pola coordinadora de proxectos de COGAMI, Catuxa Pereira, visitarán o centro e prestarán especial atención á aula de novas tecnoloxías para persoas con discapacidade severa.
Despois desta visita, poderán coñecer a cidade de Lugo e as súas murallas durante a tarde.











