Preludio ao #Copadoiro en Sar e Tiro Libre SCQ
O Rio Natura Monbus Obradoiro recibirá este sábado ao Laboral Kutxa Baskonia (20.00 horas) no que será último partido de liga regular antes do #Copadoiro na Coruña, do 18 ao 21 deste mes.
Curiosamente, na cita copeira, o obradoirismo repetirá rival, volvéndose a enfrontar aos vitorianos de Alberto Corbacho o venres 19 (21.00 horas) no Coliseum coruñés.
O equipo necesitará toda a enerxía posible nesta dura cita ante o rival de Euroliga e que vén de derrotar ao líder Valencia Basket, invicto até a xornada. As entradas para este partido están á venda a través da páxina web do club e en oficinas. O seu prezo é de 19 euros en Fondos, 25 euros en Tribunas 2, 29 euros en Tribunas 1 ou 35 euros en Tribunas Retráctiles.
Existen tamén prezos reducidos para menores de 18 anos, estudantes menores de 25, maiores de 65, parados de longa duración ou federados do ámbito do baloncesto. Para eles, os prezos son de 15 euros en Fondos, 19 euros en Tribunas 2 e 25 euros en Tribunas 1.
Precisamente, nesta semana de preludio ao #Copadoiro, os afeccionados poderán gozar do trofeo orixinal da Copa do Rei desde mañá martes a xoves na tenda oficial do club, Tiro Libre SCQ. Ademais, o mércores pola tarde, os xogadores Artem Pustovyi e Juanjo Triguero estarán a asinar autógrafos a partir das 19.00 horas xunto a ela.











