Persoas con discapacidade intelectual realizarán prácticas formativas nas dependencias da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Rey Varela na sinatura do convenio coa Fundación Down Compostela. Foto: A. Varela

Rey Varela na sinatura do convenio coa Fundación Down Compostela. Foto: A. Varela

A Xunta de Galicia promove que persoas con síndrome de Down realicen prácticas formativas na administración autonómica ao abeiro dun proxecto piloto de realización de actividades e de aprendizaxe e integración que impulsa a Consellería de Política Social e a Fundación Down Compostela. O conselleiro José Manuel Rey Varela e o presidente da devandita fundación, Juan Jesús Martínez López, asinaron hoxe en San Caetano o convenio de colaboración que terá vixencia ate o 31 de decembro de 2016 e polo que tres persoas con discapacidade intelectual integraranse aos servizos dos departamentos de Presidencia, Vicepresidencia e Política Social.

As prácticas terán unha duración máxima de 25 horas semanais, a razón de 5 horas diarias distribuídas libremente dentro do horario normal de 08.00 a 15.00 horas. Os participantes contarán coa figura dun preparador laboral e cun titor que os formarán e acompañarán na súa aprendizaxe laboral. Así, durante o desenvolvemento das prácticas os beneficiarios recibirán formación sobre aspectos como a estrutura xeral da Xunta de Galicia; as competencias atribuídas aos diferentes departamentos e entes; as funcións e os diferentes tipos de empregados públicos; o funcionamento dos sistemas de custodia e traslado de información e documentación entre distintos departamentos da administración autonómica, así como con persoas ou entidades alleas á mesma; e tarefas de apoio ao persoal de administración (reprografía, encadernación…).

Rey Varela sinalou que a posta en marcha desta iniciativa piloto supón “un paso adiante, xa que posibilita que por primeira vez mozos e mozas con capacidades diferentes realicen prácticas na Xunta de Galicia”. Neste sentido, indicou que o obxectivo é “dotar a estas persoas dos coñecementos, habilidades e aptitudes necesarias para facilitar a súa integración na sociedade e no mercado laboral, aprendendo e poñendo en práctica técnicas e ferramentas útiles para o desempeño profesional eficaz”.

Mellora da calidade de vida

Así mesmo, o conselleiro indicou que contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas que teñen calquera tipo de discapacidade é unha das prioridades desta nova etapa das políticas sociais. Deste xeito, e no que atinxe ao colectivo de afectados de Down, para este ano de 2016 o Goberno galego aumentou nun 10% a contía do convenio coa Federación Down Galicia até chegar aos 446.838 euros.

O titular da carteira autonómica de Política Social insistiu en que a plena integración en todos os ámbitos das persoas con Down ou calquera outra discapacidade “debe ser froito da colaboración e do traballo conxunto da sociedade, incluído o mundo empresarial e as administracións públicas, e pasando polos axentes sociais e as entidades que forman o movemento asociativo que diariamente apoian a este colectivo e ás súas familias”. Ao respecto, Rey Varela manifestou que “o emprego é un piar esencial para o benestar e a integración social, sobre todo das persoas cuxa inserción laboral se atopa con máis dificultades”. “Superar estes atrancos e derrubar estas barreiras esixe dun compromiso conxunto da sociedade”, insistiu.

19 de febreiro de 2016 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.