Permanece custodiado o sospeitoso do asasinato da súa parella en Becerreá
O home de 29 anos que supostamente asasinou este xoves á súa parella en Becerreá, permanece custodiado na Comandancia da Garda Civil de Lugo pendente de declarar e de pasar a disposición xudicial.
Segundo confirmaron fontes do Corpo, o home, tras ser detido, foi trasladado ás dependencias da Garda Civil de Lugo, onde permanece custodiado. Non obstante, a previsión é que volva a ser trasladado a Becerreá para pasar a disposición xudicial ante os xulgados desta localidade este mesmo venres.
Os feitos aconteceron en torno ás 18,00 horas deste xoves na casa que ambos os dous tiñan alugada no pobo de Herbón, que pertence á parroquia de San Pedro de Tortes, a uns catro quilómetros do núcleo do municipio ao que pertence, Becerreá.
A muller, A.G., de 40 anos de idade, faleceu polo disparo de arma de fogo, unha escopeta de caza. Non constan antecedentes por malos tratos, aínda que a muller si denunciara unha parella anterior.
ENTREGOUSE
Segundo explicou o rexedor de Becerreá, Manuel Martínez, o detido chamou ao tenente de alcalde, Claudio Vázquez, e unha das persoas coas que ía de caza para que acudisen ao lugar, porque “prefería entregarse” a estas persoas. “Entregouse, deixou a escopeta e foi levado ao cuartel da Garda Civil de Becerreá”, relatou Martínez.
A parella, segundo explicou o alcalde, convivía dende había uns “dous ou tres anos” e tiña alugada esta casa. Ambos os dous están empadroados en Becerreá, aínda que ela era orixinaria de Pedrafita, outro municipio de Lugo. O rexedor de Becerreá tamén indicou que a parella se distanciara nos últimos días e “discutiran”.
Está prevista unha concentración a mediodía deste venres en sinal de repulsa ante a Casa Consistorial de Becerreá. Tamén se aprobarán no Concello tres días de loito oficial.