Pedro Nimo e José Rioseco participarán na I Xuntanza de adestradores e deportistas de Galicia en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Este xoves 11 de febreiro, ás 19:30 h, celébrase en Santiago de Compostela a I Xuntanza de adestradores e deportistas de Galicia que reunirá a nomes tan coñecidos como Pedro Nimo, José Rioseco, Juan Carlos Brion ou Gustavo e Rubén Rodríguez. Todos eles participarán na cita que terá lugar o xoves na sede de 3&Run, situada na rúa do Restollal, e que servirá para presentar unha nova aplicación de xestión de adestramentos online que xa manexan estes reputados e premiados deportistas: Train2Go.com.

A ferramenta foi desenvolvida por tres novos emprendedores intimamente ligados ao mundo do deporte como son o triatleta Antón Ruanova, Luis Fraga e David Iglesias, o que lle confire un plus de funcionalidade, posto que envorcaron neste traballo todo aquilo que eles mesmos e os seus compañeiros botaban en falta á hora de planificar e xestionar adestramentos deportivos.

Os que a están xa utilizando aseguran que aforra “moito tempo e esforzo”, tanto aos adestradores como aos propios deportistas, grazas a unha interface moi intuitiva, sinxela e cómoda que permite controlar o traballo diario dun modo moi fácil, ademais de facilitar a comunicación entre o deportista e adestrador. 

O equipo de Train2Go.com asegura que ese é o obxectivo da súa aplicación, na que traballaron intensamente durante meses, para “axudar a adestradores –profesionais ou non– a conseguir os seus obxectivos, ben sexa gañar máis diñeiro ou conseguir máis tempo libre para eles mesmos”, e á súa vez “diferenciarse da competencia feroz do sector achegando valor aos seus deportistas mediante a nosa ferramenta”. 

Unha ferramenta que xa usan deportistas de renome internacional como o maratoniano compostelán Pedro Nimo, o triatleta Gustavo Rodríguez ou José Rioseco, adestrador de campións do mundo como Gómez Noya e Iván Raña. Todos eles e moitos outros nomes coñecidos do deporte galego que xa utilizan Train2Go.com estarán nesta primeira Xuntanza de adestradores e deportistas de Galicia que servirá, ademais, para pór en común experiencias e avanzar en todo o relacionado co mundo do deporte que tantas satisfaccións está a dar á nosa comunidade nas máis diversas disciplinas. 

8 de febreiro de 2016 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.