Os xogos para discapacitados instalaranse a vindeira semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os xogos infantís adaptados para nenos e nenas con algún tipo de discapacidade se instalarán a vindeira semana. Cando se adxudicou o subministro á empresa especializada HPC Ibérica, xa se informara de que a instalación se realizaría “no mes de xaneiro”. Posto que finalmente será a vindeira semana, argumenta o goberno local, non parece que sexa un atraso que poida dar a entender que o equipo de Alberto Varela se ten esquecido dos afectados nin das súas familias.

En todo caso, o goberno local agradece a preocupación amosada polo actual portavoz do PP, que na súa etapa como alcalde “se distinguiu pola rapidez na execución de proxectos, como a revisión do PXOM ou mesmo a praia fluvial de Castroagudín”.

Con todo, o equipo de Alberto Varela lamenta que, unha vez máis, o portavoz siga facendo demagoxia, mesturando o caso dos xogos para discapacitados co ximnasio de Rubiáns. “Se tanta importancia lle da agora e tanta presa lle corre, alguén poderá preguntarse por que non os colocou el cando tivo catro anos por diante para gastar apenas 8.000 euros; e o mesmo co ximnasio de Rubiáns: seguro que os pais e nais, os profesores e mesmo o alumnado estarían encantados de recibir unha explicación da súa parte”.

4 de febreiro de 2016 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.