Os servizos técnicos ultiman o proxecto do ximnasio de Rubiáns para remitilo a educación
Os servizos técnicos do Concello están xa traballando no proxecto técnico para a reforma integral do ximnasio do colexio de Rubiáns, co obxectivo de que o documento poida ser remitido á xefatura territorial de Educación antes de que conclúa o mes. Deste xeito, tanto Xunta coma Concello terán por diante varios meses para facer toda a xestión administrativa de maneira que, como acordaron o alcalde, Alberto Varela, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, as obras estean adxudicadas con tempo para que podan desenvolverse durante o verán.
O presuposto de contrata –incluído beneficio industrial e IVE- roldará os 250.000 euros, a expensas da rebaixa que se poida producir por parte dos aspirantes durante o proceso de licitación.
O groso da actuación consistirá no illamento exterior e interior do edificio, facilitando a estanqueidade e illamento térmico das paredes e solo. Neste último caso se dotará dunha soleira drenante, de xeito que a auga non suba por capilaridade. Igualmente será substituída a totalidade da cuberta, a actuación que máis tempo precisará. Por último –e isto non estaba contemplado no anteproxecto inicial- se dotará ao recinto duns aseos propios, de xeito que así os rapaces poderán ir ao baño sen saír do recinto e polo tanto facilitando a labor de vixianza do profesorado.
O alcalde, Alberto Varela, insistiu hoxe no seu compromiso de dotar ao colexio dun aula de educación física acorde cos tempos nos que vivimos e as esixencias dos pais e nais e do profesorado. Froito dese compromiso é a partida incluída no orzamento municipal para 2016 e o acordo acadado co conselleiro de Educación na súa recente visita ao propio centro escolar, no senso de que ambas administracións asumirán o custe das obras ao 50% malia que é unha competencia da Xunta de Galicia.











