Os servizos sociais prevén que os fillos da vítima de Becerreá queden con familia próxima
Os servizos sociais da Xunta e dos concellos lucenses de Becerreá e Pedrafita están “absolutamente pendentes” dos fillos menores da muller asasinada este xoves supostamente a mans da súa parella, de 16 e 17 anos, que prevén que permanezan baixo a tutela da súa familia “próxima”.
Así o asegurou a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, que explicou que os servizos sociais específicos da Xunta xa falaron coa traballadora social do municipio de Becerreá, que está “pendente absolutamente” dos dous menores.
A maiores, explicou que os mozos teñen “familia próxima” tanto en Pedrafita, de onde era natural a vítima, como en Becerreá, polo que se está traballando coa intención de que a familia asuma a tutela.
“O importante é protexer a eses nenos que, como saben vostedes, tiveron que ver como asasinaban á súa nai”, dixo López Abella, tras o que lembrou que o Colexio de Psicólogos de Galicia tamén lles está prestando asistencia neste ámbito.
INTEGRADOS EN BECERREÁ
Na mesma liña, o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, informou de que están en contacto tanto cos servizos sociais deste municipio como cos de Pedrafita, onde reside parte da familia dos menores.
Neste punto, sinalou que o desexable é que a tutela pase agora á avoa materna dos menores, que reside en Pedrafita, e que os mozos poidan seguir asistindo ao instituto de Becerreá, no que actualmente estudan e están “moi integrados”.