Os mergulladores non poderán buscar aos mariñeiros desaparecidos ao sur de Cíes ata que mellore o tempo
Os mergulladores non poderán realizar labores de busca dos mariñeiros desaparecidos ao sur das Illas Cíes ata que mellore o tempo a mediados de semana. Este luns mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil avaliaron a posibilidade de somerxerse nas inmediacións do illote Boeiro pero a forte ondada existente –con ondas de entre tres e catro metros– impediu a súa actuación, polo que non volverán intentalo ata que mellore o tempo.
Diso informaron fontes de Salvamento Marítimo, que explicaron que os mergulladores chegaron a facer unha inmersión de proba en apnea, pero as “fortes correntes” provocaron que se suspendan ata que haxa mellores condicións.
Así, espera que poida haber mellores opcións a partir do mércores e para entón prepárase unha acción coordinada entre mergulladores do GEAS e submarinistas de Salvamento Marítimo de Fene.
Pola súa banda, continúa un amplo operativo de busca dos mariñeiros no que participan ao longo do luns os medios aéreos de: Pesca I, da Xunta; o Helimer 209, de Salvamento Marítimo; e o helicóptero Ángel, da Policía Nacional. Os medios marítimos son: o buque Salvamar Mirach, de Salvamento Marítimo; a embarcación Paio Gómez Chariño, da Xunta de Galicia; a Sebastián Docampo, da Xunta; o remolcador María Pita, de Salvamento Marítimo; e a patrulleira Corvo Mariño, da Garda Civil.
A zona de rastrexo abrangue as Cíes, Monteferro, Illas Estelas, Baiona, Costa da Candea, Illas Ons e A Lanzada, segundo precisaron as mesmas fontes.
EMBARCACIÓN LOCALIZADA
O sábado, persoal do helicóptero Pesca I que rastrexaba a zona na que desapareceron os dous mariñeiros que viaxaban a bordo da planeadora ‘Látego’, localizou a embarcación afundida xunto a algúns os seus restos.
Os restos da embarcación foron localizados media milla ao sur do illote de Boeiro, zona que se atopa ao sur das Illas Cíes e onde o venres pola tarde desaparecera a planeadora na que viaxaban os dous mariñeiros.
Foi un familiar quen alertou Salvamento Marítimo, ao fío das 20,00 horas do pasado venres, da ausencia da planeadora ‘Látego’, embarcación con base en Cangas que debería chegar ao porto de Vigo sobre as 18,00 horas, tras saír a faenar.











