Os hospitais de Pontevedra e O Salnés mantiñan a espera cirúrxica máis baixa de toda Galicia
Os hospitais de Pontevedra e O Salnés mantiñan, ao final do ano 2015, a espera para unha intervención cirúrxica máis baixa de todo o sistema sanitario público galego, con 36,6 días de demora media.
O xerente da área integrada, José Manuel González Álvarez, compareceu este venres para presentar os datos oficiais do Sergas e destacou que os tempos de espera para primeiras consultas e para primeiras probas diagnósticas conseguiron tamén cifras “moi por debaixo da media galega”.
ACTIVIDADE ASISTENCIAL
En canto á actividade asistencial, Pontevedra e O Salnés rexistraron no ano 2015 un total de 28.000 ingresos hospitalarios, preto de 25.000 intervencións cirúrxicas, máis de dous millóns de consultas externas en hospitais e centros de saúde e 317.000 urxencias de primaria e especializada.
González Álvarez subliñou que estes datos supoñen unha media de actividade de 100 intervencións cirúrxicas, máis de 8.000 consultas e 869 urxencias ao día.
O xerente tamén destacou o funcionamento das vías rápidas de atención ao cancro que atenderon, o pasado ano, a 952 pacientes con sospeita de padecer tumores malignos de mama, pulmón, colon, cabeza e colo, vexiga e melanoma nun prazo inferior a unha semana.
TELEMEDICINA
Os facultativos de Atención Primaria incrementaron as consultas de telemedicina coa incorporación das e-consultas de cardioloxía, neumoloxía e reumatoloxía, que se suman ás que xa funcionaban en oftalmoloxía, dermatoloxía, endrocrinoloxía, estomatoloxía, alerxia e dixestivo. Ao longo do ano 2015 este tipo de consulta aumentou un 30% con respecto ao ano anterior.
Ademais, o pasado ano púxose en marcha, no mes de abril, o programa Conecta 72, que permite que as enfermeiras dos centros de saúde fagan o seguimento dos pacientes 72 horas despois de que reciban a alta hospitalaria. Entre abril e decembro, preto de 19.000 persoas foron atendidas con este programa, un 83% do total dos pacientes dados de alta nese período nos hospitais da área.
ACTIVIDADE E DEMORAS
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) realizou o pasado ano 19.959 intervencións cirúrxicas, 454.787 consultas externas, 87.870 urxencias e 23.046 ingresos hospitalarios.
A 31 de decembro de 2015, o CHOP ten unha demora media cirúrxica de 35,9 días. Os menores tempos de espera corresponden ás especialidades de dermatoloxía (13,1 días), xinecoloxía (15,7 días) e oftalmoloxía (23,3 días).
A demora media para unha primeira consulta sitúase en 31,4 días. En concreto, 14 das 23 especialidades coas que conta o CHOP rexistran unha demora media inferior a 30 días e os menores tempos de espera corresponden a oncoloxía médica (5,2 días), obstetricia (7,8) e cardioloxía (10,7).
No que se refire a primeiras probas diagnósticas, 12 das 27 probas que se realizan no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra teñen demoras medias inferiores a 30 días e os menores tempos de espera corresponden a endoscopia xinecolóxica (sen demora), electroencefalografía (1,3 días) e ecografía de cabeza e colo (5 días).
INSCRICIÓN TELEMÁTICA
José Manuel González tamén destacou que o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) e o Hospital do Salnés foron elixidos polo Ministerio de Xustiza como centros piloto en Galicia para a inscrición telemática no Rexistro Civil dende o propio hospital.
Dende que o proxecto se puxo en marcha no mes de outubro, realizáronse 211 comunicacións de inscrición de bebés no Rexistro Civil dende os hospitais da área, de elas 178 no CHOP e 33 no Hospital do Salnés.











