Os grupos políticos da Deputación da Coruña apoian as reivindicacións da Mesa Intersindical de Bombeiros
A totalidade de grupos políticos con representación na Deputación da Coruña mostraron o seu apoio ás reivindicacións da Mesa Intersindical de Bombeiros na xuntanza que se desenvolveu na mañá deste mércores e que estivo presidida pola vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei.
A xuntanza con representantes de todos os grupos con representación na Deputación da Coruña e os membros da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia concluíu cun apoio unánime ás reivindicacións do colectivo encamiñadas a mudar o modelo de xestión dos Parques de Bombeiros do conxunto de Galicia.
Na xuntanza, que foi a primeira das solicitadas ás catro Deputacións, a Mesa Intersindical de Bombeiros fixo chegar as súas reivindicacións que xiran arredor do cambio do modelo de xestión indirecta a un de xestión directa. O colectivo solicitou o apoio dos grupos políticos da Deputación como un primeiro paso para apostar por un modelo galego, coordinado e homoxeneizado no conxunto do territorio galego.
O conxunto de grupos políticos presentes na Deputación expresaron o total respaldo ás peticións do colectivo, mentres se agardan os informes xurídicos e económicos, subliñando a necesidade de que no Consorcio Provincial se fale cunha voz única que represente o conxunto da corporación. Ao longo do encontro, que se prolongou por volta de unha hora, debulláronse tamén distintos aspectos relacionados co futuro laboral do colectivo, entre eles, a súa participación en todos os procesos que se deriven do cambio de xestión.
José Luis García polo PSOE, Xosé Regueira do BNG, Mariel Padín polo PP, Rocío Fraga por Marea Atlántica, Manuel Dios por Compostela Aberta e Angel García Seoane por Alternativa dos Veciños participaron na xuntanza coa Mesa Intersindical de Bombeiros composta por representantes da UXT, CIG, CCOO e Sindicato Independente de Bombeiros de Galicia que estivo presidida pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.











