Os cuartos de final de Copa Xunta serán o primeiro destino do Santiago Futsal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O persoal celeste volve citar, 9 meses despois, cunha eliminatoria da Copa Xunta de Galicia, trofeo autonómico do que é o máximo referente, con 6 copas nas súas vitrinas. Os de Santiago queren esquecer o traspies da tempada pasada, nunha final na que cederon ante O Parrulo Ferrol (7-3).  As aspiracións celestes de chegar á final pasan por superar mañá a SD Xove FS no encontro de cuartos de final que se disputará no Pavillón Municipal da vila mariñá ás 21.30h. No caso de superar mañá ao equipo da 2ª B Grupo I, en semifinais agardaría A Estrada FS da Terceira División Autonómica.

Os de Santi Valladares chegan a este encontro nun momento no que hai parón da competición ligueira debido á celebración do Campionato Europeo. Despois de incorporarse ás sesións de traballo o pasado luns 1 de Febreiro, o encontro de cuartos de final de Copa Xunta será a primeira proba dos santiagueses antes de recibir ao FC Barcelona o vindeiro sábado 20 de Febreiro.

Pola súa banda, o SD Xove FS que se asenta na 9ª posición da 2º División B Grupo I, caeu a xornada pasada en casa ante Mosteiro Bembrive FS por 2-6. O equipo que dirixe Pardeiro non llo poñerá fácil ao conxunto celeste xa que na fase de grupos da Copa Xunta lograron superar equipos como o Sala Ourense (8-5) e CD Riazor FS (3-5) e empataron ante un segunda como é o Cidade de Narón (4-4).

A convocatoria do Santiago Futsal para o encontro de mañá conta con todos os seus efectivos, fóra de David Palmas que segue co proceso de recuperación da lesión de ligamento cruzado que sufríu o pasado mes de Outubro.

Sala de prensa

Esta mañá compareceu en rolda de prensa previa ao encontro de mañá o segundo adestrador do Santiago Futsal, Mon Barreiro. Barreiro analizou o encontro de mañá do que dixo “Non hai favoritismo e máis a partido único. A nós, a nivel competitivo vénnos ben, porque estamos desexando competir e a nivel planificación vennos ben. Hai un condicionante importante que é que a pista non é de parquet e iso non nos beneficia a ningún dos dous, pero menos a nós.”

Do seu rival, SD  Xove FS o técnico santiagués dixo “Non é un equipo descoñecido. Son xogadores galegos, que xa nos enfrontamos a eles en categorías xuvenil nacional ou filiais e por iso coñecemos ao 90% do seu persoal. Igualmente as análises e o scouting facémolos coma se fose FC Barcelona. É un equipo con moitísimos gol, con xogadores da zona de A Mariña que xogaron en Viveiro, Burela… Xogadores que tiveron a oportunidade de xogar a alto nivel, con moito potencial pero que por razóns deportivas non lograron traballar disto.”

9 de febreiro de 2016 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.