Os corpos de seguridade municipais recomendan non circular polo Paseo Marítimo da Coruña durante a tarde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello, ante o avance do temporal que afecta sobre todo ao mar, mantén pechado ao tráfico rodado un tramo do Paseo Marítimo, desde a rúa Modesta Goicouría ata Curros Enríquez, e recomenda aos vehículos non empregar esta vía durante a tarde por seguridade, polo menos, ata pasadas as 20.00 horas. Así mesmo, varios tramos do paseo peonil están restrinxidos a causa da forza do mar, que chegou rebasar a liña de praia e obrigou a cortar nalgún momento algúns tramos da vía. Desde as dúas da tarde, Policía local, Bombeiros e Protección Civil manteñen activo un dispositivo especial de vixilancia ante as condicións meteorolóxicas adversas, polas que o 112 ten decretada a alerta laranxa por fenómenos costeiros, que pasará a vermella entre as 20.00 horas e a medianoite, pola previsión de ondas que poden chegar aos oito metros de altura nas costas coruñesas.

Tamén, o Concello mantén pechados desde o sábado os parques, xardíns e zonas infantís da cidade como medida de precaución, que se estenderá mentres duren as malas condicións meteorolóxicas, e pide precaución á cidadanía, así como que evite situacións de risco.

8 de febreiro de 2016 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.