Os coordinadores das futuras escolas internaciones do Celta reciben un plan formativo na Madroa
O Celta e a súa Fundación desenvolveron un completo e ambicioso plan formativo destinado aos coordinadores das futuras escolas sociodeportivas que abrirán as súas portas ao longo deste ano en diferentes lugares do continente americano. Os promotores destas escolas levan desde o pasado fin de semana vivindo o día a día da entidade e descubrindo a filosofía e metodoloxía de traballo da canteira Celeste.
Ao longo das tres próximas semanas, os técnicos e especialistas do club celeste impartirán diversas formacións co obxectivo de poder trasladar a estas escolas a forma de traballo que levou á canteira do Celta a ser unha das máis recoñecidas a nivel nacional e internacional. Un proceso formativo que se inicia agora, pero que terá continuidade e, do mesmo xeito que se fai cos preparadores na Madroa, será permanentemente revisado e ampliado co fin de lograr os mellores resultados.
Durante a súa estancia, recibirán formación en materia de metodoloxía, proceso de adestramento, psicoloxía deportiva e capacidades condicionais, así como sobre o modelo de xogo que representa e defende o Real Club Celta de Vigo en todas as súas categorías. Ademais, os formadores terán a oportunidade de observar e analizar os adestramentos dos diferentes conxuntos, incluído o primeiro equipo dirixido por Berizzo, quen mostrou desde a súa chegada gran interese polo traballo da canteira celeste.











