O temporal provoca o peche de paseos marítimos, caída de ramas e incidencias sobre todo na Coruña e Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLugoPontevedra
A-
A+
Europa Press

O temporal por forte ondada na costa e por vento en terra causou durante a noite varias incidencias, sobre todo nas provincias da Coruña e Lugo, que levaron ao peche de paseos marítimos, a organización de dispositivos de seguridade e a retirada de numerosas ramas e árbores caídas.

A situación máis complicada viviuse na cidade da Coruña, onde xa este luns foi necesario pechar á circulación -tanto peonil como rodada- a zona do paseo marítimo, que resultou alagado pola forte ondada.

De madrugada, a pleamar foi aínda máis intensa e provocou de novo que as ondas chegasen até as rúas da Coruña, arrastrando area que os efectivos de emerxencias estiveron toda a noite limpando. Aínda que a zona entre Modesta Goncuría e a avenida Rubine xa foi reaberta ao tráfico, mantense pechada para peóns, aos que o concello pediu precaución.

Do mesmo xeito, este martes continuarán pechados parques, xardíns, zonas infantís e instalacións próximas ao mar na cidade herculina e os operarios municipais traballan para restaurar os semáforos e tendido eléctrico afectado pola auga, así como para reparar mobiliario urbano danado.

Por precaución, tamén continúa pechado para os viandantes o paseo marítimo de Ferrol e todos os municipios da costa da Coruña recomendan cautela á hora de achegarse ao mar, que segue en alerta laranxa.

En Santiago de Compostela, o vento desprazou durante a noite unha estrutura metálica relacionada coas obras do novo acceso ao Tambre, polo que a Policía está a desviar o tráfico de entrada ao polígono e asegurando a zona.

Pola súa banda, en Lugo a situación tamén foi complicada durante a noite e permanecen pechados os paseos marítimos de Burela ou Viveiro. Na provincia de Pontevedra houbo menos incidencias, con todo, en áreas como Vilagarcía de Arousa recomendan precaución á hora de achegarse ao mar.

RAMAS E ÁRBORES

Aínda que en costa o temporal foi moi intenso, desde o 112-Galicia confirmaron que, afortunadamente, as incidencias rexistradas durante a última hora da tarde e a noite foron poucas.

Quizais a máis relevante tivo lugar ao redor das 8.30 horas deste martes na localidade lucense de Rábade, onde un tren embisteu unha árbore caída sobre a vía á altura dun paso a nivel. No entanto, a locomotora non sufriu danos e, tras retirar os restos da árbore da vía, puido continuar o seu camiño.

Na provincia lucense producíronse outras alertas tamén por caída de árbores e ramas en distintas vías, entre elas na propia capital provincial.

Do mesmo xeito, o 112 non ten constancia de operativos por inundación de casas ou baixos que sexan de relevancia, aínda que se por caída de ramas e árbores en estradas de distintas localidades da provincia da Coruña, como Cesures, Valdoviño, Vedra, Boqueixón ou A Capela. En Santa Comba, os Bombeiros tiveron que desatascar unha taxea que resultara alagada.

9 de febreiro de 2016 | 12:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.