O temporal obriga a suspender a procura dos mariñeiros desaparecidos en Cíes
O temporal que desde este luns afecta á costa galega obrigou a suspender este martes a procura dos dous mariñeiros desaparecidos fai 11 días ao sur das Illas Cíes. Segundo confirmaron fontes de Salvamento Marítimo, o operativo decidiu non iniciar este martes os labores polas malas condicións do mar na zona na que desapareceron os tripulantes, para evitar pór en risco aos servizos de emerxencias.
Este luns a embarcación ‘Salvamar Mirach’ de Salvamento Marítimo, percorreu a costa norte desde Domaio (Moaña) até Punta Subrido (Cangas), acompañada de varias embarcacións voluntarias. Así mesmo, por terra rastrexaron a zona costeira de Cangas e Moaña efectivos de Protección Civil de ambas as localidades, así como voluntarios, aínda que sen atopar ningún rastro dos desaparecidos.
A alerta por forte ondada e as malas condicións meteorolóxicas impediron, no entanto, que o helicóptero ‘Pesca I’ se sumase aos labores e que os mergulladores volvesen mergullarse, como xa fixeron o xoves e venres, cando localizaron o motor e aparellos da planadora afundida.
Os mariñeiros permanecen desaparecidos desde o día 29 de xaneiro, xornada na que saíron a faenar na planadora ‘Látigo’ con previsión de regresar a porto sobre as 18,00 horas. O sábado, o ‘Pesca I’, que rastrexaba a zona, localizou a media milla ao sur do illote de Boeiro a embarcación afundida, pero non se puido atopar rastro dos mariñeiros nas inmediacións.











