O Santiago Futsal prepara o encontro ante FC Barcelona Lassa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Santiago Futsal regresa este sábado (19h, Multiusos Fontes do Sar) á competición oficial de Liga tras o parón polo Campionato Europeo de Seleccións. Os de Santi Valladares, que realizaron unha pequena pretemporada desde o pasado 1 de Febreiro, preparan o encontro da 21ª Xornada de Liga no que reciben ao segundo clasificado do campionato, o FC Barcelona Lassa, e que será televisado en directo polas cámaras da Televisión de Galicia e Esport3.

O plantel celeste traballa a bo ritmo, en dobres sesións diarias, para continuar coa súa progresión de fronte ao último tramo ligueiro que lles depara encontros en casa como o deste sábado ante os blaugranas, así como tamén recibirá a Aspil R.Navarra, CD Burela FS, D-Link Zaragoza e Catgas E.Santa Coloma. Nos seus encontros lonxe da capital galega terá que medirse a UMA Antequera, Palma Futsal, Elche FS, Jumilla B.Carchelo e Jaén Paraíso Interior. Estes son os 10 encontros do spring final do campionato que separan ao conxunto santiagués dos postos de Play Off, zona na que se asentan agora (7º con 24 puntos) e na que queren manterse de aquí ao final da tempada.

Namentres que os xogadores preparan o difícil encontro do sábado, nas oficinas do club continúa a venda de entradas para o partido. Polo momento, entre as entradas vendidas e a confirmación de asistencia de clubs  de fútbol sala de toda Galicia, iniciativa que o club santiagués promove desde principios de tempada, confírmase a asistencia de aproximadamente 1500 persoas. Algúns dos clubs que confirmaron a súa asistencia, como Redondela FS, Club Atlético Ribeira, Melide CF ou Praíña Sporting Club, chegarán ao Fontes do Sar en autobuses completamente cheos nos que virán xogadores das súas escolas deportivas, monitores, patrocinadores e pais dos xogadores.

A venda de entradas continúa nas oficinas do Santiago Futsal ata o venres, en horario de 10h a 14h e de 17h a 20h. Tamén se poderán adquirir o día do partido no despacho de billetes do Fontes do Sar a partir das 17.45h. Debido a que o club estableceu ese encontro como ‘Día do club’, todos os asistentes terán que retirar entrada previamente para acceder ao pavillón.

O prezo das entrada para non abonados será de 15€ Adulto, 5€ xuvenil e 2€ infantil. Para abonados maiores de 18 anos o prezo será de 5€ e os menores de 18 anos entrarán gratuitamente. Tamén os socios, aquelas persoas que se uniron á campaña “Eu son do Futsal”, accederán de maneira gratuíta.

17 de febreiro de 2016 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.