O PSOE deixa en suspenso a negociación coa Marea Atlántica sobre os presupostos municipais da Coruña
O Grupo Municipal Socialista no Concello da Coruña decidiu deixar “en suspenso” a negociación coa Marea Atlántica dos presupostos municipais para este ano, tras acusar de “deslealdade manifesta” ao equipo de goberno.
Nun comunicado, sinala que, “despois de reiteradas advertencias desatendidas por parte do alcalde”, o voceiro socialista, José Manuel Dapena, transmitiulle esta decisión “á espera de que Xulio Ferreiro reconduca a situación”.
En concreto, pídenlle aos socialistas que poñan sobre a mesa “unha reformulación da relación entre ambos os dous partidos que garanta lealdade, o cumprimento dos acordos e o respecto á vontade maioritaria dos coruñeses e coruñesas”, engade.
Ademais, os socialistas coruñeses consideran “inasumible” que o equipo de goberno “se negue a explicar o destino final das partidas presupostarias asignadas a cada área”. “E, máis aínda, que leve a cabo presentacións sectoriais dunhas contas que non están aprobadas”, engade.
“DECEPCIÓN” DO ALCALDE
Tras esta decisión, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mostrou a súa “profunda decepción” co que cualificou de “paso unilateral” do PSOE. Non obstante, instou os socialistas a dar este martes “un sinal claro de que realmente hai vontade negociadora”.
O rexedor argumentou tamén que, en 53 días, non recibiron, por parte dos socialistas, “nin unha soa proposta cuantificada, seria e concreta para que se poida estudala ou incluila nos presupostos”.
“A Coruña non pode seguir esperando a que o PSOE decida se quere ser útil para a cidade ou vai seguir enredando”, remarcou. Mentres, incidiu en que “a día de hoxe, as propostas cuantificadas do PSOE para os presupostos son cero, como cero son os documentos por escrito que mandaron con propostas concretas”, sentenciou.











