O Programa Galego de Detección Precoz do Cáncro de Mama explorou o pasado ano 2015 a 53.671 mulleres da provincia de Pontevedra
O Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama -desenvolvido pola Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería de Sanidade- explorou o pasado ano 2015 a un total de 53.671 mulleres de 50 a 69 anos da provincia de Pontevedra.
Desta cifra -que representa unha participación do 81,4 por cento da poboación diana do programa na provincia- 1.426 mulleres foron posteriormente remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para completar probas, que confirmaron en 82 casos un cáncro de mama.
No que atinxe ao Concello de Pontevedra, o Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama explorou en 2015 a un total de 4.363 mulleres -cifra que representa un 77,33 por cento de participación da súa poboación diana- e froito desta iniciativa preventiva colaborouse a detectar un total de 5 patoloxías malignas entre mulleres deste Concello.
Modernización gradual da estrutura asistencial
O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama, consolidou a modernización gradual da súa estrutura asistencial, cara a mellorar as taxas de participación das mulleres no Programa. Así, se crearon unidades fixas en hospitais comarcais da xeografía galega, o que permitiu avanzar no proceso de integración do programa no sistema asistencial, unha mellora da oferta dos hospitais comarcais cun novo servizo á súa poboación, a racionalización na utilización de recursos e a mellora na calidade asistencial percibida polas mulleres.
Infraestrutura do Programa na provincia
A infraestrutura asistencial do Programa na provincia de Pontevedra está formada polas unidades de exploración no edificio da Consellería de Sanidade en Pontevedra e na Casa do Mar en Vigo, onde se realizan as probas mamográficas. Tamén contan coas unidades de avaliación radiolóxica, que centralizan a lectura das mamografías e, por último, as unidades de diagnóstico e tratamento, que están integradas polas consultas de Cirurxía e/ou Xinecoloxía dos hospitais públicos da rede do SERGAS.
A lectura das mamografías está centralizada nas unidades de avaliación radiolóxica, formadas por especialistas que pertencen aos Servizos de Radioloxía dos Complexos Hospitalarios de Pontevedra e A Coruña. E desde 2006 funciona unha unidade de avaliación radiolóxica dependente do Servizo de Radioloxía do Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo.
A alta calidade da avaliación radiolóxica está garantida pola experiencia dos radiólogos na lectura de mamografías e porque as mamografías de cada muller son lidas por dous radiólogos de xeito independente, co que se asegura a máis correcta interpretación das imaxes radiolóxicas.
Os principais obxectivos do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama buscan primordialmente a redución nun 25% da mortalidade por esta doenza nas mulleres. Así mesmo, preténdese acadar unha participación cercana ao 70% das mulleres que se citan, asegurar a estrutura axeitada para o seguimento das mulleres que deron positivo na proba e continuar a elaboración e mantemento do sistema de información deste Programa.
Relevancia do diagnóstico precoz
Sanidade incide na relevancia dun diagnóstico precoz, xa que aumenta ata o 90% as posibilidades de curación, porcentaxe que sobrepasa o 95% cando o diagnóstico se realiza antes de que se faga invasivo.
A citación das mulleres na provincia de Pontevedra é persoal e por Concellos, cara a garantir a periodicidade de dous anos do cribado en cada municipio. Dita citación envíase por carta de dez a quince días antes da cita, e nela, especifícase o lugar, día e hora en que se debe acudir á realización da proba mamográfica. Na mesma carta, facilítase un número de teléfono (981.14.14.14) ao que se poden dirixir ás usuarias para se informar sobre cambios de domicilio, solicitar información, ou realizar cambios de cita.
Se a proba resulta negativa, as mulleres reciben o resultado por carta personalizada, recomendándolles seguir no Programa de Cribado e convidándoas a repetir o estudo ao cabo de dous anos.
No caso de que sexa necesario realizar máis probas para chegar a un diagnóstico, infórmase á muller por carta certificada e con xustificante de recepción. Nesa misiva, facilítaselles unha cita para seren atendidas nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento e un teléfono de atención directa.











