O presidente do CCVV formaliza a cesión do dereito de superficie do edificio onde se instalará a nova sede de Fundación Down

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
López-Chaves na sinatura do convenio

López-Chaves na sinatura do convenio

O delegado da Xunta de Galicia e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo, Ignacio López-Cahves, e o presidente de Down Vigo, Fernando Molina, formalizaron esta mañá ante notario la cesión gratuíta do dereito de superficie do edificio onde se instalará a nova sede da asociación, propiedade do Consorcio e situado na rúa Real.

Igual que xa fixera o Consorcio cedendo varios inmobles á Universidade de Vigo na zona do peirao do Berbés, hoxe plasmouse en documento público outra cesión para un colectivo de carácter benéfico-social sen ánimo de lucro e declarado de utilidade pública, como é a asociación Down Vigo, que presta atención a máis de 200 persoas ao día.

A necesidade de dispor dun local en condicións -rehabilitación que deberá acometer a asociación- conflúe coa finalidade do Consorcio de revitalizar o Casco Histórico coa implantación no barrio de institucións oficiais, asociacións, colectivos ou comerciantes, que revitalicen a vida do barrio.

En rolda de prensa, Ignacio López-Chaves destacou o importante labor que realiza Down Vigo na cidade, partícipe das subvencións que concede a Xunta de Galicia a estas entidades sociais, convencido de que a súa presenza no Casco Histórico achegará aos usuarios do centro un contorno agradable e contribuirá á dinamización da rúa Real, ao carón do edificio do Rexistro da Propiedade.

Pola súa banda Fernando Molina, presidente da asociación, agradeceu no nome de todo o colectivo Down Vigo a posibilidade que se brinda desde o Consorcio de dispor dun espazo no Casco Histórico para convertelo en centro de promoción de autonomía persoal, onde atender as persoas con Síndrome de Down do sur da provincia a das súas familias. Grazas a esta cesión, pasarán dos 500 metros de espazo actual aos 1.200 m² nos que traballarán no futuro edificio.

19 de febreiro de 2016 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.