O POS 2016 financiará 210 obras nos 93 concellos da provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todos os grupos políticos, o Plan de Obras e Servizos (POS) 2016, dotado con 24,2 millóns de euros, que financiará un total de 210 obras nos 93 concellos da provincia.

Aínda que as bases de POS ofrecen aos concellos a posibilidade de destinar ata o 50% do importe asignado a gasto corrente, o Goberno provincial destacou que os concellos decidiron este ano investir maioritariamente en obras, “o que contribuirá a manter o emprego e a xerar novos postos de traballo na provincia. En concreto, o POS servirá para facer obras por importe de 18,7 millóns na totalidade de concellos coruñeses, dos que 17.947.090 serán achegados directamente pola Deputación e os 746.385 restantes polos municipios. Un total de 67 municipios da provincia decidiron destinar unha parte do POS a financiar gasto corrente, cun investimento total de 6.252.906 euros.

A cantidade asignada a cada concello calculouse aplicando as variables ponderadas habituais: cota fixa (10%), esforzo fiscal (5%), número de parroquias do concello (15%), poboación (rural no caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes- 35%) e superficie (35%).

Apoio ás reivindicacións da Plataforma polo Dereito ao Aborto da Coruña

O pleno da Deputación aprobou tamén, cos votos a favor do PSdeG-PSOE, BNG-Asembleas Abertas, Marea Atlántica, Alternativa dos Veciños e Compostela Aberta e a oposición do PP, unha moción que apoia as reivindicacións da Plataforma polo Dereito ao Aborto da Coruña con respecto ás deficiencias na atención ás mulleres que precisaron abortar con máis de 14 semanas por causas médicas.

O pleno insta ao SERGAS a investigar cal foi a atención prestada ás mulleres despois das denuncias de desatención tanto no ámbito sanitario como psicolóxico, en especial, a aquelas que tiveron o expulsivo (parto) na habitación de ingreso, así como as que foron derivadas a un centro privado de Madrid.

Reclama a moción aprobada na Deputación que as mulleres dispoñan de atención axeitada tal e como se recolle nos protocolos internacionais, garantindo a mesma atención que nun parto, incluído o apoio emocional á muller durante todo o proceso.

A iniciativa contempla tamén a esixencia de dotación de profesional de xinecoloxía no Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo do que dependen 31 concellos da Coruña que leva máis de dous anos coa praza sen cubrir.

A proposta, que contou co voto a favor de todos os grupos agás o PP, insta tamén á creación de dous centros de referencia no país para a atención da Interrupción Voluntaria do Embarazo. Conclúe o texto esixindo a garantía de que “as mulleres van ter unha atención integral do aborto nos hospitais públicos sen que o seu dereito estea subordinado a criterios ideolóxicos como o da obxección de conciencia”

Na sesión plenaria de hoxe debateuse tamén sobre a existencia das deputacións e a súa posible desaparición ou reformulación, a raíz dunha moción do Grupo Popular, que foi rexeitada por todos os grupos da Corporación agás o propio PP e aprobáronse tamén tres declaracións institucionais, apoiadas pola totalidade da Corporación provincial, en apoio aos refuxiados e á Marcha europea polos dereitos das persoas refuxiadas, e con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e do 40 aniversario da República Árabe Saharaui Democrática.

26 de febreiro de 2016 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.