O Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Ourense quere coñecer a opinión da poboación adulta e infantil para reforzar as políticas municipais
O Concello de Ourense elabora un Plan de Infancia e Adolescencia, unha iniciativa de carácter transversal, na que pretende implicar todas as áreas municipais, colectivos sociais e cidadanía en xeral para promover as mellores políticas dirixidas á infancia e á adolescencia no noso municipio.
A concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, deu conta esta mañá en rolda de prensa das liñas básicas deste Plan, xunto con Rubén Varela, de Atelier Social, empresa que o elabora e a técnico municipal Bibiana Paz.
O Plan require a realización dun diagnóstico inicial para coñecer a realidade social da infancia e adolescencia en Ourense, para o que se abre un proceso participativo, no que se convida á cidadanía, tanto persoas adultas como mozas/os e nenas/os a realizar as súas aportacións para detectar carencias e necesidades, e posterior labor de definición de obxectivos e accións concretas a desenvolver, con fixación de calendario e recursos.
Tamén se contactará con colexios, asociacións veciñais e outros colectivos, culturais e xuvenís para informala e convidalas a participar en xuntanzas de traballo e obradoiros nos que expresar as súas opinións e propostas.
No marco do propio Concello, traballarase na posta en común e reforzo da coordinación entre os diferentes programas dirixidos a infancia e adolescencia que desenvolven distintas áreas municipais: Educación, Cultura, Asuntos Sociais, Voluntariado, Xuventude, etc. O traballo completarase así con entrevistas con técnicas/os de todas as áreas municipais, así como con outras administracións e organizacións como sindicatos, organizacións empresariais e universidade.
O resultado deste traballo será un documento final, I Plan de infancia e adolescencia do Concello de Ourense, que marcará as políticas a desenvolver en materia de infancia e adolescencia no municipio.











