O Piñeiriño será o primeiro barrio urbano de Vilagarcía en practicar a compostaxe comunitaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Piñeiriño será o primeiro barrio urbano de Vilagarcía en practicar a compostaxe comunitaria. Un centenar de veciños trasladaron ao Concello o seu compromiso de participación no programa que a Deputación porá en marcha para introducir nas cidades este ecolóxico sistema de redución e xestión dos residuos sólidos urbanos, polo que o Concello xa trasladou ao organismo provincial a solicitude de adhesión para esta zona. Non acontece o mesmo co barrio de Celso Emilio Ferreiro, onde con 30 inscricións quedouse á metade de contar cos 60 participantes que, como mínimo, esixía a Deputación para iniciar a experiencia.

O concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, agradece a todos os veciños do Piñeiriño e de Celso Emilio Ferreriro que se amosaron dispostos a colaborar nesta experiencia pioneira no eido urbano no que a Galicia se refire, posto que en outros lugares de España, como en Navarra e País vascos, xa hai moitas cidades que traballan na compostaxe comunitaria con éxito dende hai anos.

O edil socialista confía en que aínda se apunten máis persoas da zona do Piñeiriño, xa que, superado o mínimo de participantes, aínda se pode chegar aos 300. Agora hai que esperar a que a Deputación resolva as solicitudes, forme aos mestres composteiros que se encargarán de dirixir e supervisar o funcionamento de cada centro comunitario de compostaxe e de que instale os composteiros, para iniciar a experiencia.

Mouriño Santiago está convencido de que o programa vai a ter éxito no Piñeiriño “porque os veciños están moi concienciados e dispostos a colaborar”. Para o edil, o papel deste barrio será esencial para que a compostaxe comunitaria se estenda por outras zonas urbanas de Vilagarcía. “Cando os demais núcleos comproben que o sistema funciona e que non se rexistra ningún problema nin molestia, desaparecerán dúbidas e reticencias, e seguro que se animarán outros barrio a seguir o exemplo do Piñeiriño”.

Aínda que nesta ocasión non puido ser, o edil non desiste e, despois desta primeira experiencia, confía en que o apoio en Celso Emilio sexa maioritario na seguinte campaña que se realice. “Como xa dixemos, trátase dun programa voluntario, que o Concello desexa implantar, pero que non se porá en marcha se os veciños non o respaldan; polo que esperaremos a que cambie a percepción pronto”.

1 de febreiro de 2016 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.