O Pazo de Xelmírez inaugura as xornadas de portas abertas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Inauguración das xornadas de portas abertas

Inauguración das xornadas de portas abertas

O Pazo de Xelmírez inaugurou onte a súas Xornadas de Portas Abertas promovidas por Turismo de Galicia, en colaboración coa Fundación Catedral de Santiago e o Arcebispado de Santiago.

Así, dende onte e ata o próximo 7 de febreiro, o acceso a este espazo histórico e artístico será totalmente gratuíto. Ademais esta iniciativa cultural pon en marcha dúas visitas guiadas que terán lugar ás 10h e ás 18h cada día e que permiten coñecer de primeira man o resultado das obras de rehabilitación levadas a cabo por Turismo de Galicia no marco da celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

Unha gran obra de rehabilitación e acondicionamento grazas á cal adecuouse o espazo ao seu uso turístico e cultural dinamizando a oferta cultural de Santiago e abrindo á cidade este pazo medieval situado na mesma Praza do Obradoiro á que todos os días do ano chegan centos de peregrinos.

O Pazo de Xelmírez é un edificio de estilo románico de carácter civil e que debe o seu nome a Diego Gelmírez, primeiro Arcebispo de Compostela e gran impulsor da súa construción.

O pazo constitúe un espléndido conxunto arquitectónico medieval no que destacan a Sala de Armas, a Sala Manrique, a Cociña e, especialmente, o Salón de Cerimonias, dunha monumentalidade espectacular e bela ornamentación con ménsulas historiadas nas que se representa un banquete real.

Actualmente o espazo está destinado a uso cultural incluíndose a súa visita como parte do Museo da Catedral e albergando exposicións temporais.

2 de febreiro de 2016 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.