publicidade hoxe

O obradoiro de Boqueixón-Vedra ofrece unha cualificación acorde á demanda actual do mercado laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónVedra
A-
A+

O obradoiro de Boqueixón-Vedra ofreceu un posto de traballo e formación de calidade a un total de 20 desempregados procedentes destes dous municipios. Para poñer en marcha este proxecto, a Xunta investiu preto de 180.000 euros.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Vedra na clausura e entrega de diplomas desta iniciativa a través da que o alumnado recibiu formación nas especialidades de traballos de carpintería e moble; e operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, materias nas que recibirán un certificado de profesionalidade.

Marnotes destacou que esta formación de “máxima calidade”, xunto co acceso a un posto de traballo, é algunha das múltiples vantaxes dos obradoiros. A estes dous beneficios, súmase a realización de obras e servizos en beneficios da comunidade durante o tempo que dura o proxecto. Neste caso, os participantes traballaron na rehabilitación da estación de ferrocarril de Santa Cruz de Ribadulla de Vedra, así como en diversas melloras en lugares públicos de Boqueixón (a casa da cultura de Camporrapado, a praza pública de Sergude, o camiño interior de Outeiro en Codeso, e o camiño interior de Xiadás en Gastar).

O director xeral agradeceu a colaboración destes dous concellos e puxo en valor que este é o terceiro obradoiro consecutivo desenvolvido conxuntamente polos concellos de Vedra e Boqueixón. En total, estes tres proxectos sumaron un investimento de máis de 530.000 euros e contaron con 60 beneficiarios.

Xa para rematar, Marnotes salientou a aposta decidida da Consellería de Economía, Emprego e Industria por estes programas aos que destina este ano un total de 14 millóns de euros.

29 de febreiro de 2016 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.