O Museo de Pontevedra acolle a presentación do documental sobre Manuel Quiroga
A traxectoria internacional do violinista pontevedrés Manuel Quiroga protagoniza o documental que esta tarde será presentado no Auditorio do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. No acto de presentación estará presente a súa directora, Sandra González, o produtor, Pepe Coira, a narradora, Milagros Bará, e o director do Museo, Carlos Valle.
O filme repasa a vida e carreira de Manuel Quiroga, nado en Pontevedra en 1892, que inicia o seu despegue musical con só 19 anos, en 1911, tras gañar o primeiro premio no Conservatorio de París. A partir de entón inicia unha importante carreira internacional en escenarios de Europa e Norteamérica, ofrecendo concertos xunto a recoñecidos músicos da época coma o pianista e director de orquestra José Cubiles, o violonchelista Casaux ou a pianista Martha Lehman, coa que posteriormente contraería matrimonio. A súa carreira musical trúncase en 1937 en Nova York, onde foi atropelado aos 46 anos de idade. Este accidente provócalle unha parálise no brazo dereito que lle impide seguir tocando, e a partir de entón dedícase á composición e á pintura.
O documental está dirixido por Sandra Sánchez, nada en Narón en 1970, que se formou como realizadora na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Destaca por dirixir e ser a autora do guión, e asumir a responsabilidade da montaxe e da fotografía da longametraxe Tralas luces (2011), coa que gañou tres premios Mestre Mateo, nas categorías Mellor longametraxe documental, Mellor dirección e Mellor montaxe, e que tamén foi presentada na sección Zabaltegi Nuevos Directores do Festival de Cine de San Sebastián. Sandra Sánchez xa realizara con anterioridade unha serie de curtametraxes entre as que destaca o documental Ven a Bens (1993).
A ficha técnica do documental sobre Manuel Quiroga está encabezada pola propia Sandra Sánchez, a cargo da dirección e montaxe, e recolle a participación de Pepe Coira, na produción executiva, a de Pablo Silva e Daniela Arias, como autores da idea orixinal, a de Milagros Bará, como narradora, e a de Manuel Cortés dando voz a Quiroga.











