O mar de fondo mantén a case toda a flota galega amarrada
O vento e o mar de fondo que este martes se rexistran na costa galega manteñen a case toda a flota pesqueira amarrada en porto, segundo informaron os presidentes das federacións provinciais de confrarías de Lugo, A Coruña e Pontevedra.
Nas tres provincias está activada a alerta laranxa no litoral e, segundo as previsións de Meteogalicia, durante esta xornada a situación no mar seguirá sendo “moi difícil”, cun mar combinado con ondas de ao redor de oito metros entre Bares e Fisterra e entre seis e oito metros no resto do litoral, con ventos moi fortes do sur na primeira metade do día.
Así as cousas, o patrón maior de Burela e presidente da federación de depósitos de Lugo, Basilio Otero, sinalou que todos os barcos están amarrados, e a xente está “a gozar do Entroido”. Ningún buque de artes menores prevé faenar este martes, pero si o farán, de noite, os de arrastre de litoral, “se non hai novidades” e en base ás predicións meteorolóxicas.
Otero apuntou que este luns o vento golpeou “duro” na costa luguesa, e destacou que esta xornada continúa “o tema complicado”. Mentres para as artes menores o tempo failles imposible traballar, o arrastre afronta as complicacións derivadas da altura das ondas, segundo explicou o patrón maior de Burela.
A CORUÑA E PONTEVEDRA
Na Coruña, o patrón maior de Muros, Daniel Formoso, responsable da federación provincial, indicou que, aínda que se atopa de viaxe, “pola información” de que dispón non saíu practicamente ningún barco a faenar este martes.
Mentres, en Pontevedra, o patrón maior de Portonovo e presidente da federación de confrarías pontevedresa, José Antonio Gómez, expuxo que unicamente o cerco saíu a faenar, por dentro da ría, pero fixérono de noite, e prevén facelo tamén este martes noite. “Os demais están todos parados, porque hai moito vento e mar de fondo”, chamou a atención.











