O mal tempo mantén suspendidas as labores de procura dos mariñeiros desaparecidos en Cíes
O temporal que afecta á costa galega obrigou a suspender este mércores unha xornada máis a procura dos dous mariñeiros desaparecidos fai 12 días ao sur das Illas Cíes.
Segundo confirmaron fontes de Salvamento Marítimo, o operativo decidiu non iniciar este mércores os labores polas malas condicións do mar na zona na que desapareceron os tripulantes, para evitar pór en risco aos servizos de emerxencias.
O martes os labores de procura tampouco puideron iniciarse polas malas condicións do mar. Este luns a embarcación ‘Salvamar Mirach’ de Salvamento Marítimo, percorreu a costa norte desde Domaio (Moaña) até Punta Subrido (Cangas), acompañada de varias embarcacións voluntarias.
Así mesmo, por terra rastrexaron a zona costeira de Cangas e Moaña efectivos de Protección Civil de ambas as localidades, así como voluntarios, aínda que sen atopar ningún rastro dos desaparecidos.
A alerta por forte ondada e as malas condicións meteorolóxicas impediron, no entanto, que o helicóptero ‘Pesca I’ se sumase ás labores e que os mergulladores volvesen mergullarse, como xa fixeron o xoves e venres, cando localizaron o motor e aparellos da planadora afundida.
Os mariñeiros permanecen desaparecidos desde o día 29 de xaneiro, xornada na que saíron a faenar na planadora ‘Látigo’ con previsión de regresar a porto sobre as 18,00 horas. O sábado, o ‘Pesca I’, que rastrexaba a zona, localizou a media milla ao sur do illote de Boeiro a embarcación afundida, pero non se puido atopar rastro dos mariñeiros nas inmediacións.











