O Inega pon á disposición do tecido empresarial coruñés 15 millóns de euros para mellorar a súa eficiencia enerxética incrementando a súa competitividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten activado neste comezo de ano máis de 15 millóns de euros para impulsar o aforro e a eficiencia enerxética e o emprego de fontes renovables no tecido empresarial. Neste marco, técnicos do Inega participarán mañán, xunto a empresas e emprendedores da provincia da Coruña, nunha xornada que comezará ás 9,30 horas na Confederación de Empresarios da Coruña e que ten por obxectivo dar a coñecer estas liñas co obxectivo de mellorar a competitividade do tecido produtivo.

Así, as pemes coruñesas poden recorrer á liña de aforro e eficiencia enerxética, aberta ata o vindeiro 29 de febreiro e que este ano multiplica por seis o seu orzamento ata superar os 9,5 millóns.

Este programa permitiu o ano pasado impulsar máis dun centenar de proxectos na provincia que están a mobilizar arredor de 6 millóns en actuacións orientadas á implantación de sistemas de procesado avanzado de datos e intelixencia artificial, na liña da fábrica intelixente pola que está a aposta o Goberno galego a través da Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0.

Ademais, apóianse proxectos centrados na mellora dos equipamentos consumidores de enerxía do proceso produtivo; a implantación de luminarias máis eficientes; a renovación dos equipos de produción de calor ou frío; a instalación de sistemas de aproveitamento de enerxías renovables; ou a realización de auditorías enerxéticas.

Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten aberto unha nova convocatoria da orde para a implantación de caldeiras de biomasa, destinando 3 millóns de euros ás empresas interesadas na implantación duns equipos capaces de xerar aforros de ata o 70% con respecto a outras fontes convencionais.

A liña, que ten beneficiado xa a 55 pemes da provincia, intégrase na Estratexia de Impulso da Biomasa Forestal que está a desenvolver a Xunta. Unha aposta pola biomasa que se complementa coa orde para o fomento doutras fontes renovables como a xeotermia, a solar térmica ou a aerotermia, e que tamén ten á súa disposición o empresariado ata o vindeiro 15 de febreiro.

Todos estes programas que o Inega abordará polo miúdo mañá xunto ao empresariado da Coruña permitiron desenvolver o ano pasado máis de 150 actuacións na provincia, mobilizando máis de 8 millóns de euros e contribuíndo á xeración de riqueza e emprego.

3 de febreiro de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.