publicidade hoxe

O Igape destaca o compromiso de Confecciones Hortensia coa calidade e coa internacionalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRianxo
A-
A+
Javier Aguilera na visita ás instalacións da empresa en Rianxo

Javier Aguilera na visita ás instalacións da empresa en Rianxo

O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe na súa visita ás instalacións de Confecciones Hortensia en Taragoña (Rianxo) o compromiso desta compañía coa fabricación de prendas de calidade en Galicia e a vocación de internacionalización da empresa, que ten contado co apoio da Xunta para consolidar a súa presenza en mercados exteriores.

Confecciones Hortensia, especializada en prendas femininas, conta cun cadro de persoal integrado por 70 traballadores e produce integramente na comunidade, especialmente para tendas multimarca. Ten clientes e puntos de venda en diferentes países de Europa –Francia, Italia e Portugal entre outros–, así como noutros mercados como Líbano.

Segundo o director do Igape, a profesionalidade e o compromiso con Galicia de empresas como Confecciones Hortensia explica que o sector téxtil se manteña, ano tras ano, como un dos que máis contribúen ao incremento das exportacións galegas, que creceron un 5,4% de xaneiro a novembro, fronte a unha media estatal do 4,3%. Un dos sectores que máis teñen medrado en Galicia é precisamente o téxtil, cun incremetno do 9,9% neste período.

Aguilera destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar, a través do Igape, axudas dotadas con máis de 30 millóns de euros para facilitar os investimentos de pemes e emprendedores, os programas agrupados para a mellora da competitividade, as operacións para facilitar o financiamento de circulante ou os proxectos de internacionalización.

O impulso á internacionalización das empresas galegas constitúe un dos obxectivos estratéxicos do Instituto, que convocou este ano axudas dotadas con case 10 millóns de euros para apoiar as estratexias de promoción e difusión das pemes, de forma individual ou agrupada, así como a súa participación en eventos expositivos internacionais, na procura de novas oportunidades de negocio, ou a contratación de expertos en comercio exterior.

11 de febreiro de 2016 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.