O Igape achega ás emprendedoras da Coruña as liñas de axuda para o financiamento de proxectos empresariais
Responsables do Igape achegaron hoxe ás emprendedoras coruñesas información detallada sobre as liñas de axuda e os servicios habilitados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar o financiamento de proxectos empresariais.
Durante unha xornada técnica que se desenvolveu esta mañá no Centro Cívico Monelos da Coruña, promovida polo Círculo de Mulleres Empresarias, técnicos do Igape informaron polo miúdo sobre as novas liñas activadas para apoiar investimentos ou para financiar necesidades de circulante de empresas en funcionamento.
A Xunta activou desde principios de ano apoios que suman 185 millóns para impulsar o emprego, fomentar a actividade empresarial, e consolidar o crecemento económico, a través de apoios que inclúen axudas para facilitar a realización de novos investimentos por empresas ou emprendedores, para reforzar a competitividade, ou para respaldar a internacionalización das empresas.
Os responsables do Igape informaron, neste senso, sobre programas como o Galicia Emprende, para apoiar proxectos con investimentos a partir de 25.000 euros impulsados por novos emprendedores ou por empresas de recente creación, que deciden medrar ou diversificar a súa produción.
Os técnicos do Instituto expuxeron igualmente ás empresarias coruñesas os pormenores das liñas de préstamos participativos do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, así como dos préstamos directos Jeremie aos que poden optar.
O Igape mantén tamén activo o programa Resolve 2016, destinado a facilitar financiamento de circulante, con préstamos avalados a partir de 3.000 euros.











