O Grupo Eroski vende a Carrefour o seu hipermercado de Lalín
O Grupo Eroski alcanzou un acordo para a venda do hipermercado en Lalín (Pontevedra) á cadea de distribución Carrefour, segundo informou. A venda englóbase dentro dunha operación dun lote formado por ata 36 hipermercados en distintas rexións de España por un importe máximo de 205 millóns de euros.
O acordo de venda, para materializarse, require da aprobación da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). Ademais, a compañía precisa que o hipermercado “continuará a súa actividade” con normalidade”.
Sobre esta operación, indica, ademais, que lle permitirá “mellorar a rendibilidade global”, xa que o seu Plan Estratéxico busca “fortalecer negocios prioritarios e concentrarse no desenvolvemento da súa rede de supermercados”. A venda inclúe o mantemento do emprego “xa que as condicións laborais dos traballadores serán subrogadas ao novo operador”.
GALICIA, “ZONA PRIORITARIA”
Nun comunicado, a directora xeral de rede comercial de Eroski, Rosa Carabel, afirma que Galicia é “unha zona prioritaria” para a compañía. Este grupo conta na comunidade autónoma galega cunha rede comercial de 350 establecementos, dos cales 341 son explotados por Vegalsa-Eroski.
En concreto, faino con hipermercados, supermercados propios e franquiciados, cash&carry, gasolineiras, oficinas de viaxes e o servizo de entrega no domicilio do supermercado online en A Coruña, Lugo, Pontevedra e Ourense.